Jácome valora trasladar a celebración do Magosto ao Parque Ribeira de Canedo

OurenseXa
O Casco Vello de Ourense podería quedarse sen Festa do Magosto
castana-magosto-outono-2
16 Sep 2025

Jácome valora trasladar a celebración ao Parque Ribeira de Canedo porque “non nos gusta que dúas festas tan distintas teñan o mesmo escenario”, en referencia á celebración de Halloween.

O goberno municipal de Ourense valora celebrar a Festa do San Martiño - Magostos 2025 no Parque Ribeira de Canedo, segundo avanzou esta mañá o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. O cambio de escenario permitiría, segundo o rexedor, introducir novidades na programación desta tradicional celebración, aproveitar as potencialidades do espazo e dar protagonismo ao barrio da Ponte, considerado un dos “puntos clave” da cidade.

“Queremos sempre innovar e mellorar”, manifestou Pérez Jácome, quen recoñece que a localización tradicional da celebración na zona vella sempre foi “un éxito total”, pero sinala que agora o seu goberno busca “cambiar de escenario e experimentar outros barrios”.
O alcalde xustifica que, como unhas semanas antes, o día 31 de outubro, se celebrará Halloween no centro histórico, “non nos gusta que dúas festas tan distintas teñan o mesmo escenario”.

Pérez Jácome insiste nas vantaxes do Parque Ribeira de Canedo, xunto á Ponte Romana, respecto ao centro histórico, escenario dunha das celebracións máis populares da cidade: “É un espazo precioso, que está no centro da cidade, na ribeira do río Miño, amplo e ideal para organizar unha festa como o Magosto. Ademais, é unha zona enorme, na que cabe máis xente ca na Praza Maior”. Engadiu que “levar a festa á Ponte busca tamén que os barrios vexan que forman parte clave e son protagonistas da cidade”.

A proposta contempla manter a programación gastronómica da festa, con puntos de castañas, chourizos, porco ao espeto e outros produtos tradicionais. Así mesmo, confirmou a actuación musical do grupo Brañas Folk, contratado polo Concello, e a presenza dunha orquestra que se situará ao outro lado da ponte, xunto ao Pavillón dos Remedios.

⚙ Configurar cookies
0.1074059009552