Javier Nóvoa, presidente da xunta de persoal do Concello de Ourense: "O que pedimos é respecto"
Este luns, 4 de novembro, terá lugar unha nova xornada de folga por parte dos traballadores municipais do Concello de Ourense contra as políticas de persoal do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. O presidente da Xunta de persoal do concello de Ourense, Javier Nóvoa, de CSIF, detállanos os pormenores desta folga.
Como foi a primeira xornada de folga?
Pois a valoración é moi positiva e estamos moi contentos porque se respectaron os servizos mínimos, foi unha folga sen incidentes, todo desenvolveuse con absoluta normalidade. Instalacións que o alcalde estivo a dicir durante días que non se ían a abrir, como os cemiterios, abríronse con normalidade, sen ningún tipo de problema. A verdade é que estamos gratamente sorprendidos e moi contentos. A folga foi masiva, facendo cálculos cremos que o apoio á folga roldou o 90%.
A manifestación do venres cancelouse e elixiuse facer unha concentración silenciosa por respecto ás vítimas da DANA de Valencia Que podemos esperar para a xornada deste luns?
Tiñamos previstas dúas manifestacións, pero por razóns obvias e por respecto ao que pasou no levante optamos por facer unha concentración silenciosa o venres. Se pedimos respecto tamén temos que respectar. Pero si, para o luns temos prevista unha manifestación que partirá da Subdelegación do Goberno ás 12.00 horas.
Que levou aos traballadores para tomar esta decisión?
É a primeira vez que uns traballadores que van á folga non piden incrementos salariais ou melloras nese sentido, o que pedimos é respecto. Pedimos negociación, que se pague o que se nos debe. Compañeiros e compañeiras levan desde abril do ano pasado sen cobrar as horas extras, compañeiros e compañeiras levan desde febreiro deste ano sen cobrar os complementos de nocturnidade e festividade…Pedimos que se respecte a lexislación vixente porque ao 31 de decembro o proceso de estabilización, que tería que estar por lei estatal, non se vai a cumprir. Tamén pedimos que se respecten as sentenzas, que se negocie e que se teña educación, que non se nos denigre. Creo que entra dentro do xusto, o razoable e do sensato, do que sería un trato normal.
Houbo algún tipo de contacto ou negociación co alcalde?
Non. Desde que empezamos con estas reivindicacións non tivemos ningún contacto, ningún tipo de comunicación directa nin indirecta pola súa banda. Igual que o trato nunca foi amigable. Hai sentenzas por acoso a un interventor, que é un dos funcionarios máis altos da administración.
Se non se consegue nada tras esta folga, que medidas van tomar?
Mañá termina esta primeira fase, que é esta folga con manifestacións e mobilizacións. A partir do luns sentarémonos cos traballadores, que serán os que marquen a folla de ruta que queren tomar e a que temos que seguir. Seguiremos escoitándoos e serán eles os que decidirán o que teremos que facer nos seguintes días e nas seguintes datas.