José Ángel Vázquez Barquero presenta a súa dimisión como concelleiro do PSdeG en Ourense

José Ángel Vázquez Barquero comunicou esta mañá a súa decisión de dimitir como concelleiro socialista no Concello de Ourense. Fíxoo despois dun pleno extraordinario marcado pola polémica, no que o seu partido votou a favor dunha modificación de crédito de 25 millóns proposta polo goberno de Gonzalo Pérez Jácome.
Barquero, un histórico do socialismo ourensán, atribúe a decisión a motivos estritamente persoais e á imposibilidade de conciliar a súa vida laboral co exercicio do cargo de concelleiro, aínda que continuará militando no partido.
En canto á súa vida política, é militante do PSdeG-PSOE desde 1998, cunha traxectoria traxectoria sempre vinculada ao Concello de Ourense, onde en 2007 foi nomeado director xeral de Emprego e Promoción Económica tras a chegada dos socialistas ao goberno municipal.
En 2011 resultou elixido concelleiro e asumiu as áreas de Promoción Económica, Emprego e Termalismo. En 2014 venceu nas primarias socialistas para ser candidato á alcaldía de Ourense nas eleccións municipais de 2015, nas que o PSdeG pasou á oposición e Barquero exerceu como portavoz do grupo municipal.
En 2018 volveu gañar as primarias para encabezar a candidatura socialista ás municipais de 2019. Porén, renunciou á candidatura e ao cargo de concelleiro en marzo dese ano, tras discrepancias coa comisión de listas do partido. Tras un tempo afastado da primeira liña política, regresou en 2023 como número tres da candidatura do PSdeG-PSOE en Ourense, encabezada por Paco Rodríguez, obtendo de novo acta de concelleiro.
Actualmente profesor titular no departamento de Fundamentos da análise económica e historia e institucións económicas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Ourense.