Josefa Rodríguez Araújo, nova directora de enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

OurenseXa
Ligada sempre a Área Sanitaria de Ourense desde 1991 ocupaba ata o de agora o posto de Subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria e foi a Coordinadora da Campaña de vacinación fronte a Covid-19 durante a pandemia
Josefa Rodríguez Araújo, nova directora de enfarmaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras
20 Xuño 2024

A Consellería de Sanidade ven de nomear a Josefa Rodríguez Araújo como nova Directora de Enfermaría da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras substituíndo no cargo a Beatriz Cabanelas González.

A nova Directora de Enfermaría que naceu en Alemaña fai cincuenta e tres anos, cursou estudos de Diplomatura Universitaria na Escola de Enfermaría de Vigo completando a súa formación académica coa realización dun ,Máster en Xestión e Coidados da Universidade de Santiago de Compostela e outro Máster en Ciencias da Enfermaría da Universidade de Alicante ademais de múltiples cursos de formación continuada así como publicacións en revistas e premios de investigación e innovación ao longo da súa traxectoria profesional.

Na actualidade desenvolvía a súa actividade profesional como Subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria da área sanitaria ourensá, cargo ao que accedeu en xaneiro de 2020, e foi tamén a Coordinadora da Campaña de Vacinación contra a COVID 19 que desenvolveuse con enorme éxito na Área de Ourense e que acadou gran recoñecemento coa obtención de diversos premios e distincións a nivel nacional.

A súa experiencia profesional está moi vencellada sempre á sanidade ourensá xa que comezou o seu traballo como enfermeira no ano 1991 no Complexo Hospitalario Cristal-Piñor onde acadou o nomeamento como supervisora de área no ano 2001. Durante a súa estadía no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense participou en numerosos grupos de traballo e investigación como foron a Comisión de Protocolos de Enfermaría, a Comisión de Calidade ou o grupo de investigación en historia e pensamento enfermeiro “Ágora”. No eido da investigación formou parte activa como participante colaborador no Subproxecto Habitación Intelixente, enmarcado dentro do Proxecto Hospital 2050, e do Proxecto de Innovación “Sistema Intelixente de alertas multinivel” dentro do programa de Innovación Sanitaria Innova Saúde.

0.17597007751465