A Asociación de Veciños de Seixalbo organiza unha nova edición do Seixalbo Cultural

OurenseXa
A edición deste ano contará con preto dunha trintena de actividades que se desenvolverán durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro
festa-dos-foros-seixalbo
Festa dos Foros de Seixalbo
2 Jun 2025

O vindeiro sábado 7 de xuño dará comezo o Seixalbo Cultural 2025 cun acto inaugural ás 22:00 horas no Auditorio de Penouzos. Nel participarán José P. Coya, Manuel Garrido, Ico Rafael e Inoger Lázaro, ademais da Asociación Ourensá de Esgrima Antiga e o grupo EscenaDanza DANTZARI.

Este acto servirá de pistoletazo de saída para unha programación composta por preto dunha trintena de actividades que se desenvolverán ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, grazas ao traballo da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo.

Así, o sábado 21 de xuño ás 17:00 horas, no Parque do Infiesto, celebrarase o “Día da Rapazada”, unha xornada infantil con festa da escuma e xogos tradicionais. Ao día seguinte, o domingo 22 de xuño, terá lugar na Praza das Laxas un Xantar de San Xoán ás 13:00 horas, organizado pola Comisión de Festas de Barbadás. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, no Parque do Infiesto, desenvolverase o espectáculo visual “A Maxia de San Xoán”, con fume, lume, luces e flores.

O venres 27 de xuño, o Auditorio de Penouzos acollerá ás 22:00 horas unha representación teatral a cargo da Asociación Cultural Agromadas, baixo a dirección de Amelia González. O sábado 28 será a quenda da tradicional Festa dos Foros, que comezará ás 14:00 horas cun xantar veciñal, unha ruada polas adegas e concertos polas rúas de Seixalbo.

O domingo 29 de xuño, ás 20:00 horas, o Local Veciñal de Abelardo Arce acollerá o acto de entrega do Premio Freire Carril, en recoñecemento á relevancia veciñal, organizado pola Asociación Cultural Agromadas.

Xa en xullo, o venres día 4, terá lugar no Auditorio de Penouzos, ás 22:00 horas, a obra teatral O Florido Pensil, do Grupo Atruuxo, con dirección de Elena Seijo e coa colaboración de Sarabela Teatro. O xoves 10 de xullo, ás 20:30 horas, celebrarase unha charla sobre alimentación e saúde no Local Veciñal de Abelardo Arce, organizada polo Centro Cívico da Cuña.

O sábado 19 de xullo, ás 10:00 horas, celebrarase no Colexio de Penouzos un obradoiro de esgrima histórica con espada de dúas mans, dirixido a maiores de 12 anos e con aforo limitado.

En agosto, o venres 8 ás 22:00 horas, haberá cine ao aire libre para toda a familia no Auditorio de Penouzos, coa colaboración do Clube Padre Feijoo. O sábado 23, ás 10:00 horas, celebrarase no mesmo auditorio un obradoiro de batucada para todas as idades, impartido por Juan Jesús Gómez e coa colaboración de Amigos dos Arcos. O martes 26 terá lugar un novo obradoiro de esgrima histórica, desta vez con espada dunha man, tamén no Colexio de Penouzos e coas mesmas condicións de idade e aforo.

O sábado 30 de agosto celebrarase no Parque do Infiesto, ás 18:00 horas, unha actividade infantil baixo o título “Roteiro Ambiental”, que incluirá un paseo polo parque e unha chocolatada final. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, disputarase no Estadio do Carqueixal o Trofeo Vila de Seixalbo de fútbol, coa colaboración do Club Deportivo Seixalbo.

O domingo 31 de agosto, ás 13:00 horas, inaugurarase no Local Veciñal a exposición “O Arte da Mocidade”, con ilustracións de Miguel González Lois e Iván Amills González. Esta exposición poderá visitarse tamén os días 7, 14 e 28 de setembro, data na que se clausurará.

O martes 2 de setembro, ás 9:30 horas, realizarase a andaina “Coñecendo a nosa contorna”, un percorrido guiado polo Seixalbo rural, con saída desde Barreiros e Nicanor, organizada en colaboración co Centro Cívico.

O sábado 13 de setembro, ás 21:00 horas na Praza do Cabildo, celebrarase unha xornada de convivencia veciñal con mostra de repostería caseira, cea compartida e música para gozar.

O sábado 20, ás 22:00 horas, o Auditorio de Penouzos acollerá a obra teatral “Camaleón, meu Deus!!!”, dirixida por Manuel Delgado Rodríguez e interpretada polos grupos A3nasDanza, Seixalbo Baila e Meigas T. Ao día seguinte, domingo 21, a Praza do Cabildo será o escenario da actividade infantil “Enxeñeiros por un día”, coa colaboración de Nacho Delgado.

Finalmente, o domingo 28 de setembro, ademais da clausura da exposición artística, a Igrexa de San Breixo acollerá ás 18:00 horas o “Concerto de Verán”, coa participación dos grupos Trovare e Cantares de Seixalbo, organizado pola Asociación Cultural Agromadas e a Parroquia de Seixalbo.

⚙ Configurar cookies
0.099005937576294