A Deputación de Ourense presenta o número 53 da revista Raigame

OurenseXa
Este número especial de Raigame ofrece unha ampla aproximación á vida e á obra de Xesús Ferro Couselo
presentacion-raigame
28 Jan 2026

A Deputación de Ourense presentou este martes o número 53 da revista Raigame, unha edición monográfica dedicada a Xesús Ferro Couselo con motivo do 50 aniversario do seu falecemento, conmemorado en 2025. O acto tivo lugar en Ourense e contou coa participación do vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; do director da revista, Xulio Fernández Senra; do director do Arquivo Histórico Provincial, Pablo Sánchez Ferro; e de Anxo Lorenzo, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Durante a presentación, César Fernández destacou Raigame como unha das publicacións máis representativas da Deputación, subliñando o compromiso da institución coa cultura e a identidade galegas. Pola súa banda, Anxo Lorenzo cualificou a revista como un referente na investigación do patrimonio cultural e puxo en valor a figura de Ferro Couselo polo seu papel clave na historia cultural de Ourense e de Galicia. Pablo Sánchez Ferro, neto do homenaxeado e coordinador deste número especial, lembrou a vixencia do legado do seu avó e agradeceu o apoio da Deputación á cultura. Xulio Fernández Senra repasou a traxectoria da revista desde o seu nacemento en 1994, inspirada na Revista Nós, e avanzou que o próximo número monográfico estará dedicado a Otero Pedrayo.

Este número especial de Raigame ofrece unha ampla aproximación á vida e á obra de Xesús Ferro Couselo, unha figura destacada da cultura galega do século XX, recoñecido polo seu labor como investigador, historiador, etnógrafo, paleógrafo, arqueólogo e divulgador. Nado en Valga, chegou a Ourense en 1941, cidade na que desenvolveu boa parte da súa actividade cultural ata o seu falecemento en 1975, vencellado ao Arquivo Histórico Provincial, ao Museo Arqueolóxico e ao ámbito educativo. Ademais, foi impulsor de iniciativas como o Grupo Marcelo Macías e o Boletín Auriense, aínda activos na actualidade.

O monográfico reúne colaboracións de recoñecidos autores e investigadores, entre eles Xesús Alonso Montero, Felipe-Senén, César Llana, Antón Vidal, Xulio Rodríguez, José María Eguileta, Maribel Outeiriño, Jesús de Juana, Miguel Ángel Martínez, Alfonso Vázquez-Monxardín, Pablo Sánchez e Isabel Almuiña. A publicación complétase cun facsímile do número especial de Raigame dedicado a Ferro Couselo en 1996 con motivo do Día das Letras Galegas, celebración que a Real Academia Galega lle dedicou ese ano.

A revista conta cunha tirada de 750 exemplares e distribuirase de xeito gratuíto en centros educativos da provincia, bibliotecas, museos, universidades e centros culturais. Tamén poderá solicitarse no Servizo de Publicacións e no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense.

Con esta nova entrega de Raigame, a Deputación reafirma o seu compromiso coa conservación e difusión da memoria cultural da provincia, rendendo homenaxe a unha figura clave para comprender a historia intelectual e patrimonial de Ourense e de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.085077047348022