A Xunta destaca a formación do CIFP Santa María de Europa como motor de talento para Galicia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, salientou a importancia da formación profesional para cubrir as necesidades reais do tecido produtivo galego. Segundo Pardo, “un itinerario que combina dúas apostas innovadoras de Galicia: no exterior, a atracción de talento planificada e no interior, un modelo de formación para o emprego flexible, axustado ás necesidades reais das empresas e con apoios para os colectivos prioritarios”.
Durante a súa visita ao CIFP Santa María de Europa, o delegado repasou os principais proxectos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para 2026, entre os que destacou o lanzamento dun proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas, cunha dotación de 5 millóns de euros.
Pardo tamén subliñou a continuidade das axudas formativas, que inclúen programas para persoas desempregadas, unidades en empresas con compromiso de contratación e formación para traballadores ocupados, cun total de máis de 23 millóns de euros en axudas previstas para o próximo ano.
O delegado felicitou ao alumnado dos oito cursos que se están impartindo actualmente e sinalou que “este tipo de formacións son tremendamente prácticas; os centros, como este, están moi ben dotados, e o profesorado é moi competente, co que os traballadores saen moi preparados. Trátase dun gran sistema de oportunidades”.
Dos 33 cursos previstos ata xullo de 2027, Hostalaría e Turismo e Servizos Socioculturais e á Comunidade terán un papel destacado, xunto con programas de desenvolvemento de competencias clave en matemáticas, lingua castelá e lingua galega.
O CIFP Santa María de Europa, membro da Rede de Centros Integrados da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, ofrece formación vinculada aos sectores produtivos con maior demanda de cualificación. Actualmente impártense cursos en familias profesionais como Electricidade e Electrónica, Agraria, Fabricación Mecánica, Instalación e Mantemento, Madeira, Moble e Cortiza, e Transporte e Mantemento de Vehículos, completándose coa formación en competencias clave como a comunicación en galego.