Lembranza Solpor, 47 anos promovendo a música e o baile tradicional galego dende Celanova


Fundada en 1979, a agrupación Lembranza Solpor leva 47 anos promovendo a preservación, difusión e ensino da música e do baile tradicional galego dende Celanova. Con preto dun cento de alumnos, o proxecto vive un dos seus momentos máis dinámicos, que os levará a representar a Galicia na próxima edición do festival Printemps des Sonneurs, que se celebrará o 11 de abril en Brest.
O obxectivo desta agrupación é claro: divulgar a cultura galega e ofrecer formación musical e de baile tradicional ao seu alumnado, conservando o legado dos bailadores, danzantes e gaiteiros da zona, un lugar que sempre destacou pola súa gran riqueza cultural e folclórica e que viu nacer a Manuel Castro González, coñecido como o gaiteiro de Penalta, un dos máis célebres e lendarios da contorna.
Como todas as agrupacións, Lembranza Solpor foi evolucionando co paso do tempo. O seu director musical, David Villarino Olmos, con raíces en Xinzo de Limia, conta como nos seus inicios a agrupación contaba con 20 ou 22 alumnos, ata chegar aos arredor de cen que ten hoxe en día. “Houbo unha etapa na que a agrupación quedou parada, estivo uns cinco ou seis anos case desaparecida, pero agora recuperouse con forza”, sinala Villarino, que asegura que a clave está en reinventarse. “A clave está en que sen xente nova, sen escola, non hai agrupación que aguante. Hai que sementar para que a tradición continúe”, explica o seu director.

A oferta formativa que se promove dende a vila celanovesa é moi ampla, con banda de gaitas, grupos de música tradicional, cantareiras e seccións de baile para distintas idades. Todo isto cunha dinámica de traballo constante, ensaios semanais e un forte compromiso por parte de todos os seus membros.
O apoio institucional tamén xoga un papel fundamental no desenvolvemento do proxecto. Neste sentido, Villarino recoñece a implicación do Concello de Celanova e da Deputación de Ourense. “Estamos nun local municipal e recibimos unha subvención anual. A Deputación de Ourense tamén nos axuda, sempre que lles presentamos o noso proxecto anual”. Ademais, sinala, “o alumnado tamén contribúe pagando unhas cotas trimestrais, que son fundamentais para manter a escola e a asociación. Pero sen o apoio das institucións públicas sería practicamente imposible”.
Máis alá do ensino, a agrupación cumpre unha función esencial como transmisora de identidade local. Cos seus 47 anos de historia, Lembranza Solpor está fortemente arraigada na vila de Celanova, grazas ao compromiso dos seus membros e ao traballo conxunto, que lles levou a organizar dende o ano 2023 o festival Lembranza Ibérica, un evento que se presenta como unha celebración da diversidade musical ibérica, cun programa que cada ano combina tradición, folclore e festa, e que busca consolidarse como unha referencia cultural no verán galego.

Pero o seu labor vai moito máis alá das fronteiras de Celanova. Este próximo 11 de abril, Lembranza Solpor levará a tradición galega á cidade de Brest, en Francia, sendo o único representante galego no festival Printemps des Sonneurs, un evento que reúne cada ano a músicos de toda a rexión para compartir un patrimonio musical vivo e profundamente arraigado na cultura local, con desfiles, concertos ao aire libre e animacións.
Ademais, o 10 de abril participará tamén na cuarta edición do fest-noz do Printemps des Sonneurs, que terá lugar na sala Trémaïdic, en Plouzané, onde compartirá cartel con Forzh Penaos, Skolpad, Skrab e Hervé/Morice.