Lembranza Solpor representará a Galicia no festival Printemps des Sonneurs de Brest

OurenseXa
O festival, considerado unha das citas máis importantes da música tradicional na Bretaña francesa, celebrarase o 11 de abril
lembranza-solpor
24 Mar 2026

O grupo celanovés Lembranza Solpor será o único representante galego na próxima edición do festival Printemps des Sonneurs, que se celebrará o 11 de abril en Brest. Este evento reúne cada ano a músicos de toda a rexión para compartir un patrimonio musical vivo e profundamente arraigado na cultura local, con desfiles, concertos ao aire libre e animacións tradicionais que transforman o centro da cidade nun escenario aberto.

Antes do festival, a agrupación ofrecerá un concerto/ensaio en Celanova o próximo 4 de abril na Praza do Mercado, para presentar a súa actuación ante o público local. Ademais, o 10 de abril, participará tamén na quarta edición do fest-noz do Printemps des Sonneurs, que se celebrará na sala Trémaïdic, en Plouzané, onde compartirá cartel con Forzh Penaos, Skolpad, Skrab e Hervé/Morice.

Fundado en 1979 grazas ao impulso de dous curas recentemente chegados a Vila, o grupo xurdiu para promover a danza tradicional entre a mocidade. Ao longo da súa traxectoria, Lembranza Solpor traballou na recollida e difusión de bailes galegos e participou en varias edicións do Festival Europeo, estendendo a cultura galega por toda a península Ibérica. Tras un período de inactividade, o grupo resurgiu en 2018, recuperando a súa esencia orixinal, agora acompañado de gaitas, cantores e unha murga tradicional.

Actualmente, a escola conta con máis de 85 alumnos, baixo a dirección de David Villarino na música e Manuel Rodríguez na danza. Entre as súas actividades recentes destaca a organización de concertos solidarios, cuxos donativos se destinan cada ano a diferentes asociacións e á propia organización do festival Lembranza Ibérica.

0.12840604782104