“Levamos o nome de Allariz alá onde imos”

José Manuel Vega Real, exdirector e músico da Unión Musical de Allariz, foi, xunto con Nieves Llopis Tormo, actual directora, un dos impulsores desta agrupación que naceu en 2013 e que hoxe conta con máis de 70 músicos na súa banda principal, ademais dunha formación xuvenil e outra infantil. Recentemente, a banda participou no VIII Certame Internacional de Bandas de Música da Cidade de Benavente, un dos máis importantes da súa categoría. Vega explica como este proxecto foi medrando ao longo dos anos, chegando a colleitar grandes éxitos dentro e fóra de Galicia.
Como xurdiu a Unión Musical de Allariz?
A banda como tal xurdiu en decembro de 2013, pero en realidade todo comezou uns meses antes, en abril dese mesmo ano, coa creación da escola de música. Foi un proxecto presentado ao concello por Nieves Llopis Tormo, que é a directora actual, e por min, que fun o primeiro director. Agora sigo como músico.
Por que deixaches o cargo?
Estiven como director ata setembro de 2023. Deixeino porque considero que todo son ciclos, e chegou o momento de deixar paso a outras persoas. Sigo sendo músico da banda, pero a dirección está agora nas mans de Nieves. E, cando ela o considere, tomaraa outra persoa.
A nivel persoal, de onde che vén a paixón pola música?
Levo estudando música desde os oito anos e tocando desde os dez. É algo que sempre estivo en min. Ademais, son profesor superior de trompeta, teño un máster en dirección e outras titulacións.
Consideras que é unha profesión difícil?
Si, sobre todo desde o punto de vista pedagóxico. Non se trata só de ser un gran músico, tamén hai que ser un pouco psicólogo. Saber xestionar persoas, motivalas, coordinar o grupo… É un traballo máis social que outra cousa.
Como foi a evolución da banda nestes anos?
Pois demos o noso primeiro concerto como banda con 19 músicos nas festas do Nadal de 2013. Hoxe en día, a banda grande está formada por 72 músicos. Ademais, contamos cunha banda xuvenil con uns 30 integrantes e unha banda infantil que tamén ten arredor de 30 membros. A verdade é que medramos moitísimo.
Que balance farías?
Pois moi positivo. Estamos moi contentos. A evolución foi claramente ascendente, especialmente desde 2022, cando participamos nas Olimpiadas da Música. Fomos seleccionados a nivel mundial e ese ano conseguimos a medalla de ouro. Este ano volvemos participar nun certame para seguir elevando o nivel da banda.
Que vos diferencia doutras bandas?
Nós participamos neste tipo de eventos única e exclusivamente con músicos da casa. Non traemos a ninguén de fóra. Ninguén. E cremos que iso é o que realmente fai medrar á banda. Temos músicos de distintos lugares, como Allariz, Verín, Ourense, Ribadavia, Castrelo de Miño… Moitos estudan en conservatorios como os de Xinzo ou Ourense, pero todos veñen ensaiar aquí. Aínda que veñen doutras vilas, están comprometidos durante todo o ano e non faltan a ningún ensaio. Iso é o que marca a diferenza con outras bandas. En cada ensaio temos unhas 70 persoas tocando. Conseguir iso non é nada doado.
Que papel dirías que xogan as bandas de música na promoción da cultura popular?
A nosa función é, ante todo, social. Unificamos xeracións e ofrecemos unha formación musical completa á mocidade, algúns dos cales poden acabar dedicándose profesionalmente á música.Por outra banda, somos un dos principais representantes dos concellos fóra dos seus límites. Levamos o nome de Allariz alá onde imos. Actuamos en lugares como París, Barcelona, Burdeos, Porto, Azores, País Vasco, Asturias, Granada, Comunidade Valenciana, Alcalá de Henares… Somos un expoñente cultural e promocional moi importante para o concello.
Contades con apoio institucional?
Si, desde o inicio contamos co apoio do concello. Este proxecto naceu como unha proposta presentada ao consistorio, e sen promoción, financiamento nin respaldo institucional e social, sería imposible levalo a cabo.
Recentemente participastes no VIII Certame Internacional de Bandas de Música da Cidade de Benavente. Que valoración facedes desa actuación?
A valoración foi moi positiva. Notouse o traballo dos meses e semanas previas, e o nivel da banda volveu subir. Para nós, participar en certames non é só unha cuestión competitiva. Buscamos que o nivel da agrupación aumente. Supón un reto para o director, que ten que elixir repertorios máis esixentes, e tamén para os músicos, que se esforzan máis ao estudar e perfeccionar. Iso eleva automaticamente a calidade da banda. Despois, se hai premio, perfecto; e se non, tamén, porque o obxectivo non é gañar, senón mellorar musicalmente. Iso si, non participamos moi a miúdo, porque estes certames requiren un esforzo colectivo enorme. Ensaios diarios, moitas horas… Non se pode manter ese ritmo de forma continua sen esgotar á agrupación. Despois do certame, fomos de xira a Asturias, como facemos todos os anos. Sempre organizamos unha xira anual a algún destino, o que reforza a convivencia do grupo: viaxes, saídas culturais, actividades… Iso tamén forma parte da nosa filosofía.
Tedes algún proxecto a curto ou medio prazo?
Si, o 21 de setembro ofreceremos un concerto xunto a Rubén Simeó, que está de xira a nivel nacional e internacional con varias bandas. O concerto será aquí, en Allariz.
Como ves o futuro da banda?
A banda está nun momento moi bo. Temos incluso lista de agarda para entrar. Somos 72 músicos e, por cuestión de espazo, non podemos aceptar a máis ata que alguén se vaia. Isto indica que estamos facendo as cousas ben. A banda medra tanto a nivel pedagóxico como social. Ademais, contamos cunha banda xuvenil e outra infantil, que garanten o relevo xeracional.
Agora mesmo temos aberto o prazo de matrícula da Escola de Música para quen queira unirse ao proxecto. Así que, como adoito dicir, o futuro preséntase moi prometedor.