Licitadas as obras de mellora de 13 estradas autonómicas ao seu paso por Ourense

OurenseXa
Os traballos ascenden a 2,8 millóns de euros e incluirán a renovación integran da subida ao Seminario
xunta-licita-obras-seminario-ourense
3 Jun 2025

A Xunta licitou hoxe as obras de conservación e mellora de trece estradas autonómicas ao seu paso polo concello de Ourense, por 2,8 millóns de euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou hoxe este investimento, cuxa actuación central é a renovación integral da OU-413 da subida ao Seminario, que supón 1 millón de euros. A previsión da Xunta é iniciar estes traballos, que terán un prazo de execución de oito meses, no mes de outubro.

Os traballos, como destacou a conselleira, enmárcanse na aposta da Xunta pola conservación das estradas da rede viaria autonómica, ás que este 2025 destina 68 millóns de euros, entre as que se atopan os viarios urbanos, “para mantelas nas mellores condicións e facelas máis cómodas, seguras e accesibles”.

Explicou que a través desta actuación mellorarase a conservación de trece rúas e avenidas, integradas na trama urbana da cidade de Ourense, pero de titularidade autonómica, que suman unha lonxitude aproximada de trece quilómetros. En concreto, intervirase na rúa Peña Trevinca, río Arnoia, Sáenz Díez, Progreso, avenida de Buenos Aires, Emilia Pardo Bazán, Isaac Piñeiro Varela, Velázquez, Ponferrada, Bispo Lourenzo, avenida de Zamora, Coruña e rúa Seminario.

Serán obras de reparación, rehabilitación e reforzo dos firmes e pavimentos, tanto das beirarrúas como das calzadas, complementadas coa renovación completa da sinalización horizontal e outras pequenas intervencións para garantir a seguridade viaria e a accesibilidade. Será o caso de melloras de accesibilidade nas beirarrúas da rúa Río Arnoia, e tres treitos de novas beirarrúas: 130 metros na rúa Velázquez, 70 metros na rúa Bispo Lorenzo, e 100 metros na Avenida de Zamora desde a intersección coa rúa Marie Curie ata o seguinte paso de peóns.

A intervención irá máis aló no caso da subida ao Seminario (OU-413), xa que implicará unha renovación integral deste treito de medio quilómetro, que inclúe a reordenación do espazo, a mellora da mobilidade peonil mediante novos tramos de beirarrúa e novos pasos peonís, a execución dun novo paquete de firme e a renovación na súa totalidade as redes de servizos públicos, soterrando as liñas aéreas existentes.

Como destacou a conselleira, “trátase dun proxecto consensuado co Concello, que asumirá a titularidade da subida ao Seminario unha vez rematadas as obras, e no que tamén escoitamos as necesidades que nos trasladou a veciñanza, que verá moi melloradas as condicións para os seus desprazamentos”. “Iso é o que estamos a facer nas nosas travesías urbanas en Galicia -engadiu Allegue-: garantir unha circulación máis segura e espazos máis ordenados e habitables, sempre priorizando ás persoas”.

As empresas poderán presentar ofertas para executar as obras ata o 30 de xuño, de xeito que se prevén adxudicar as obras en setembro e iniciar os traballos xa en outubro. Terán oito meses de prazo.

Os traballos hoxe licitados súmanse a outras actuacións puntuais similares xa realizadas noutras rúas como Progreso e Avenida de Zamora o pasado ano, e con anterioridade e maior intensidade na rúa da Granxa, en Marcelo Macías, Otero Pedrayo ou en Seixalbo.

Ademais, a Xunta leva tamén executados 5,4km de sendas en estradas autonómicas na cidade de Ourense, aos que se sumará o Eixo de mobilidade sostible.

⚙ Configurar cookies
0.16576504707336