Licitadas por 640.000 euros as obras en centros educativos de Ourense, Xinzo e Xunqueira de Ambía

Melloraranse os colexios de Prácticas e Padre Crespo e instalaranse ascensores nos CEIP Virxe de Covadonga e Carlos Casares
CEIP Virxe de Covadonga
CEIP Virxe de Covadonga
28 Dec 2024

A Xunta investirá 640.000 euros en obras en centros educativos de Ourense, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licita hoxe estas actuacións, enmarcadas no Plan de nova arquitectura pedagóxica, que inicia agora unha segunda fase coa que eleva o seu orzamento a preto de 500 millóns de euros.

Na cidade das Burgas melloraranse os colexios CEIP de Prácticas e CEIP Virxe de Covadonga. No primeiro deles ampliarase e reformarase o patio cuberto, unha actuación que conta cun orzamento de 130.000 euros. No segundo investiranse 77.000 na mellora da accesibilidade do centro, para o que se instalará un ascensor e se construirá unha rampla. Acompañando ao resto da intervención, na planta principal do centro, como continuación do volume do ascensor, proxéctase unha zona de mostrador onde situar ao conserxe.

Tamén se acometerán melloras na accesibilidade do Colexio CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia, por máis de 70.000 euros. En concreto, instalarase un ascensor con capacidade para oito persoas e reformarase un aseo existente para convertelo en adaptado.

Cun investimento de case 363.000 euros no Colexio CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía) acometerase unha ampliación sobre o patio cuberto para albergar unha aula, un despacho, a sala de profesores e os aseos. Tamén se reformarán varios baños do centro, entre outras melloras.

Modelo pioneiro

Estas actuacións están xa contempladas nos Orzamentos de 2025 da Consellería de Educación, Ciencia, universidades e FP e intégranse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, cuxo orzamento total o Goberno galego vén de elevar a preto de 500 millóns de euros O investimento inicial para o período 2025-28, aprobado hoxe no Consello da Xunta, é de máis de 267 millóns de euros que se suman aos 230 miillóns de euros executados entre 2021 e 2024 con intervencións en practicamente todos os centros.

 

Isto inclúe tanto a construción e a ampliación de centros, como rehabilitacións integrais, cambios de cuberta, actuacións de enerxías renovables e numerosas obras de mediana e pequena envergadura como instalación de ascensores ou renovación de aseos, entre outros.

 

A segunda fase do plan consolida un investimento sen precedentes nun dos parques inmobiliarios máis grandes da Xunta de Galicia, o dos centros educativos, integrado por arredor de 1.600 edificios. Ao mesmo tempo avánzase cara a un novo modelo de centros de ensino, pioneiro, con instalacións adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI, máis flexibles, versátiles e cunha maior accesibilidade. Apóstase tamén por colexios e institutos máis respectuosos co medio ambiente desde o punto de vista do consumo enerxéticos e da súa integración na contorna.

0.17618203163147