Licitados por 150.000 euros os traballos de humanización dunha praza en Fonteboa, en San Cibrao das Viñas

A Xunta licitou as obras de humanización dunha praza en Fonteboa, no Concello de San Cibrao das Viñas, por un orzamento de 150.000 euros. Estes traballos enmárcanse no Plan Hurbe e consistirán nas obras de humanización da praza xerada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga, coa remodelación total do ámbito, incluíndo a dotación de novo arborado, mobiliario urbano e luminarias.
Pavimentarase a praza, nalgunhas zonas con lastras de granito e noutras con formigón. Entre as intervencións previstas, levarase a cabo a demolición do muro e lavadoiro existente e a súa posterior reconstrución co emprego do material retirado, así como actuacións de drenaxe completa no recinto. Ademais, habilitarase unha beirarrúa de 2m de ancho.
A reforma, para a que as empresas poderán presentar ofertas ata o 9 de xullo, completarase coa colocación de dúas novas luminarias e dun cartel luminoso coa lenda “Fonteboa”, así como a habilitación de 4 alcorques con colocación de árbores, a instalación de seis bancos, papeleiras e xardineiras.
A través do convenio, a Xunta financiará o 70% do orzamento total e executará as obras, mentres que o Concello de San Cibrao das Viñas aportará o restante 30%. O prazo de execución das obras estímase en tres meses.
O Plan Hurbe ten como obxectivo colaborar cos municipios galegos en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos, a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación.