Luar na Lubre inicia este sábado en Ourense a xira galega polo seu 40 aniversario

A icónica banda galega Luar na Lubre dará comezo este sábado á celebración das catro décadas de carreira en Galicia cun concerto no Auditorio Municipal de Ourense, ás 21,00 horas. O grupo chega tras unha exitosa xira por Latinoamérica e presentará ante o público ourensán algúns temas inéditos do seu próximo disco, “Lubre: 40 aniversario”, que se publicará en maio, incluíndo cancións como “Non te enamores me niña” e “San Gonzalo”.
A elección de Ourense non é casual. O fundador do grupo, Bieito Romero, ten raíces familiares na Ribeira Sacra e é natural do concello de Esgos. A banda tamén dedicou un traballo previo a esta comarca, co disco Ribeira Sacra, inspirado nas paisaxes e na tradición cultural da zona. Fundada en 1986 na cidade da Coruña, Luar na Lubre leva 40 anos divulgando a música e a cultura galega en escenarios de todo o mundo. Ao longo da súa traxectoria, a banda publicou 20 discos, vendeu máis de 350.000 copias, recibiu dous Discos de Ouro, nove Premios da Música e, recentemente, a Medalla Castelao 2025.
O grupo ofrecido máis de 2.500 concertos en máis de 60 países e colaborou con artistas internacionais como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof. Entre os seus logros máis recentes destaca tamén a incorporación da palabra “lubre” ao dicionario da Real Academia Galega, tras unha campaña promovida pola banda en 2025.
Actualmente, a formación está composta por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfona), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhrán, tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos), Xan Cerqueiro (frautas), Brais Maceiras (acordeón), Cristina López (voz) e Bieito Romero Diéguez (gaita).