Luar Na Lubre iniciará en Ourense a xira galega polo 40 aniversario do grupo

GaliciaXa | OurenseXa
O grupo actuará o sábado 28 de marzo no Auditorio Municipal
luar-na-lubre
10 Mar 2026

Ourense será o escenario do primeiro concerto en Galicia da xira “Lubre: 40 Aniversario” de Luar Na Lubre. A histórica banda galega de folk actuará o vindeiro 28 de marzo ás 21:00 horas no Auditorio Municipal, nunha cita coa que celebra catro décadas de traxectoria musical.

A elección de Ourense para este concerto, explican desde a banda, non é casual, xa que o grupo mantén unha relación estreita coa provincia. O seu fundador e líder, Bieito Romero, é natural do concello de Esgos e conta con raíces familiares na Ribeira Sacra ourensá. Ademais, un dos traballos máis recentes da formación, o disco Ribeira Sacra, está inspirado precisamente nas paisaxes e na tradición cultural desta zona.

A actuación chegará despois da xira que o grupo está a realizar por Latinoamérica. Tras rematar ese percorrido, a banda pasará por La Palma o 20 de marzo antes de ofrecer o concerto en Ourense oito días despois. A cita terá tamén un carácter especial, xa que o público galego poderá escoitar por primeira vez algúns temas do seu próximo disco.

Fundada na Coruña en 1986, Luar Na Lubre —nome que significa “luz de lúa no bosque sagrado dos celtas”— naceu co obxectivo de interpretar e difundir a música e a cultura galegas. O seu repertorio baséase principalmente en músicas de raíz, abordadas desde o respecto á tradición pero cun enfoque contemporáneo.

Nestes corenta anos de traxectoria, a banda publicou 20 discos, vendeu máis de 350.000 copias e recibiu dous Discos de Ouro e nove Premios da Música. Recentemente tamén foi distinguida coa Medalla Castelao 2025 outorgada pola Xunta de Galicia en recoñecemento á súa contribución á promoción da cultura galega.

Ao longo da súa carreira ofreceron máis de 2.500 concertos en máis de 60 países, participando en destacados festivais internacionais de música folk. Ademais, colaboraron con artistas de prestixio internacional como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof, así como con figuras destacadas da música española como Víctor Manuel, Miguel Ríos, Luz Casal, Ismael Serrano, Pedro Guerra ou Diana Navarro.

Entre os fitos máis recentes da banda tamén destaca a incorporación da palabra “lubre” ao dicionario da Real Academia Galega, despois dunha campaña promovida polo grupo en maio de 2025.

Actualmente, a formación está integrada por Bieito Romero, Nuria Naya, Patxi Bermúdez, Pedro Valero, Xavier Ferreiro, Xan Cerqueiro, Brais Maceiras, Cristina López e Bieito Romero Diéguez.

0.14097309112549