Luc André Diouf reivindica en Celanova o papel do PSOE nas políticas migratorias

O deputado e secretario de políticas migratorias e refuxiados da CEF do PSOE, Luc André Diouf, participou este venres nun encontro en Celanova organizado polo PSdeG-PSOE de Ourense, no que abordou a situación migratoria fronte ao discurso do odio promovido pola dereita e a ultradereita.
Durante a súa intervención, Diouf destacou Galicia como “terra de emigrantes” e recordou a súa experiencia anterior na provincia, subliñando a importancia dunha “xestión compartida” das migracións entre os países de orixe, tránsito e destino. Ao mesmo tempo, puxo en valor as políticas implementadas polos gobernos socialistas para garantir “unha migración legal e segura”.
O deputado centrou tamén a súa atención nos movementos migratorios, lembrando que “son estruturais e non conxunturais” e facendo fincapé na natureza permanente destes fluxos. Detallou que máis do 40% das persoas africanas que chegan a Europa fano por “motivos económicos”, mentres que outros deciden emigrar debido ao “cambio climático”, “as guerras” ou “a inestabilidade política no país”. Segundo Diouf, Europa seguirá recollendo migrantes de África “se non cambian as tornas en canto a equidade, dereitos humanos e liberdade no continente africano”.
O parlamentario defendeu tamén a importancia de políticas que permitan aos migrantes traballar “por tempadas” e garantir as dobres nacionalidades, subliñando que “todas as melloras en política migratoria son obra do PSOE”. Ademais, destacou o papel da emigración para afrontar o reto demográfico, lembrando que España é o segundo país máis vello do mundo despois de Xapón, e que a poboación migrante achega un 4% do PIB do país.
Diouf animou á “participación activa” das persoas inmigrantes na vida política: “Hai máis de cinco millóns de emigrantes vivindo en España, temos que ser partícipes do cambio que queremos. Ten que haber máis Luc André”. O deputado recoñeceu que el mesmo cometera o erro de non implicarse antes na política e subliñou que “o PSOE é o único partido que ofrece eses espazos para a poboación inmigrante e hai que aproveitalos”, en contraste coas políticas da ultradereita que, segundo el, ameazan “o país plural e diverso que coñecemos”.
Dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE lembran que o ciclo de actos abertos á cidadanía continúa e que, segundo sinalan, “buscamos fomentar espazos de diálogo e de reflexión, no que as persoas poidan interactuar e dar a súa propia opinión”. As e os socialistas valoraron “moi positivamente” a visita de Diouf, apuntando que “é moi importante crear e xerar unha conciencia entre a sociedade, nun tema de tanta relevancia como é a migración”.