Lucitada por 237.000 euros a adquisición de dous láseres para o servizo de otorrinolaringoloxía e dermatoloxía do CHUO

OurenseXa
As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 30 de maio para presentar as súas ofertas
CHUO-Ourense
14 May 2025

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade publica, no Portal de Contratos Públicos, a licitación, por importe de 237.281 euros, da adquisición de dous láseres de dióxido de carbono con destino aos servizos de otorrinolaringoloxía e dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense.

O láser de dióxido de carbono é unha fonte de luz onde a enerxía radiante está en forma de fotóns e ondas capaz de realizar coa máxima precisión corte e vaporización de tecido con coagulación. Destaca polo mínimo dano colateral que produce nos tecidos e pola diminución dos edemas e dores postoperatorios.

En otorrinolaringoloxía utilízase para a realización de amigdalectomías, microcirurxías de larinxe, así como intervencións cirúrxicas da área endolarínxea de etioloxía benigna como pólipos, nódulos, papilomas ou maligna como os cancros de vía superior. Tamén pode incorporar fibras flexibles que permitan intervencións en zonas de difícil acceso e espazos reducidos (rexións endonasais e oído).

En dermatoloxía emprégase principalmente para tratar lesións benignas moi frecuentes na práctica clínica (queratose seborreica sintomática, verrugas vulgares e xenitais, quistes mixoides dixitais, etc), así como na abordaxe cirúrxica de tumores grandes moi vascularizados.

Polas súas características, ambos os servizos precisan renovar os láseres CO2 con destino ás áreas cirúrxicas, para unha correcta cobertura sanitaria á poboación, minimizando riscos e efectos secundarios (inflamación, dor, infección, etc.), así como os tempos de recuperación cirúrxica.

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 30 de maio para presentar as súas ofertas.

⚙ Configurar cookies
0.18935799598694