Luis Menor destaca a importancia de "+Cuñados" como reclamo turístico para Ourense

OurenseXa
O Entroido ourensán un dos grandes protagonistas do filme, converténdose así no “escaparate idóneo para amosar ao resto do mundo unha das nosas celebracións etnográficas máis senlleiras”, salientou Luis Menor
preestrea_mas_cuñados
Preestrea da película
11 Abr 2024

Ourense acolleu onte á tarde a preestrea da película +Cuñados que conta co patrocinio da Deputación de Ourense. O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe neste acto, no Teatro Principal, xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; e o CEO de Portocabo e produtor da película, o ourensán Alfonso Blanco, que estiveron acompañados por representantes de entidades públicas e privadas que colaboran nesta produción audiovisual.

O presidente augurou unha excelente acollida de “+Cuñados” en salas comerciais logo do acreditado éxito que conseguiu a primeira parte en plena pandemia.

Nesta ocasión, será o Entroido ourensán un dos grandes protagonistas do filme, converténdose así no “escaparate idóneo para amosar ao resto do mundo unha das nosas celebracións etnográficas máis senlleiras”, salientou Luis Menor. “Trátase dunha produción vinculada ao cen por cen con Ourense e, polo, tanto, un excelente vehículo de promoción do territorio”, engadiu.

O apoio do goberno provincial a esta produción permitirá “vencellar a Ourense cunha exitosa película amosando ao público moitas das grandes potencialidades do noso territorio” sendo así “un reclamo para que a xente nos visite”. “+Cuñados” volverá a representar “a ese Ourense do que estamos tan orgullosos de compartir co resto do mundo”, salientou o presidente provincial.

Sinopse

Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. Este feito vén do sucedido uns días antes… Chega o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos da detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a forma perfecta de branquear o diñeiro do botín que lles caeu do ceo (literalmente). Entre unha cousa e outra, Modesto converteuse nun cuñado máis da familia. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués detido) buscando vinganza, complicaralles as cousas aos cuñados, meténdoos nun novo enredo que converterá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.

Estrea en cines o 19 de abril

O vindeiro 19 de abril chegará aos cines esta nova entrega das aventuras dos cuñados, unha produción de Portocabo que conta co patrocinio da Deputación de Ourense e coa participación de RTVE, TVG, Movistar Plus+ e a D.O Ribeiro, así como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

0.18518805503845