Luis Menor escoita ao Pabellón CF e amosa o apoio da Deputación ao novo proxecto 'Pabellón Inclusivo'

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión no Pazo Provincial con representantes da directiva do Pabellón CF co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades do club e abordar futuras vías de cooperación.
Durante o encontro, Menor puxo o foco na creación do novo equipo 'Pabellón Inclusivo', unha iniciativa que cualificou como 'absolutamente magnífica' e coa que, segundo trasladou, a institución provincial está disposta a colaborar para favorecer o seu desenvolvemento. O presidente provincial salientou tamén o peso histórico do Pabellón CF na cidade e na provincia.
Na reunión tratouse igualmente o papel do torneo organizado polo club, unha cita deportiva que, en palabras do presidente da Deputación, contribúe a situar e promocionar a provincia no panorama deportivo estatal. Nesa liña, ratificouse a intención de continuar coa axuda destinada ao funcionamento da entidade, mantendo a liña de apoio de exercicios anteriores.
O encontro contou coa presenza do presidente do Pabellón CF, Fernando Martínez Lamas, que agradeceu a disposición da Deputación. Tamén participaron o asesor de Política Deportiva, Diego Enrique Álvarez, e membros da directiva como o presidente honorario Antonio Iglesias, o tesoureiro Javier Nogueira e os directivos Julio Soto Varela e Emilio López.