Luis Menor pide unidade máis aló das ideoloxías para avanzar cara a unha sociedade igualitaria

OurenseXa
O presidente da Deputación de Ourense recibe o recoñecemento do CSIF polo plan de igualdade do Concello do Pereiro de Aguiar
DEPU OURENSE luis menor
6 Mar 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, defendeu a necesidade de traballar con unidade “máis aló de ideoloxías e cores” para avanzar cara a unha sociedade “igualitaria e xusta”. Así o expresou nun acto organizado pola Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) para poñer en valor as políticas de igualdade no ámbito local.

Durante a cita, Menor recolleu, na súa condición de alcalde do Pereiro de Aguiar, o recoñecemento do sindicato ao plan de igualdade máis innovador nas administracións públicas da provincia. O galardón foi concedido polo I Plan de igualdade do persoal municipal do Concello do Pereiro de Aguiar.

O presidente provincial destacou que este tipo de iniciativas contribúen a visibilizar o compromiso dos pequenos concellos na loita por unha sociedade máis xusta. Ao seu xuízo, as administracións locais teñen un papel clave á hora de impulsar medidas que promovan a igualdade efectiva entre mulleres e homes.

Menor lembrou tamén que a igualdade forma parte das prioridades da Deputación de Ourense, unha liña de traballo que se desenvolve de maneira transversal desde diferentes áreas da institución. Entre as iniciativas impulsadas pola entidade provincial citou o programa '8M, mes a mes', posto en marcha en 2024 para dar visibilidade á presenza feminina en sectores laborais tradicionalmente masculinizados e poñer en valor as súas traxectorias profesionais.

0.12253499031067