Luis Menor pon en valor a Feira Educa Ourense para consolidar á provincia como referente educativo

OurenseXa
O evento, que se celebra tamén mañá 26 de marzo, nace da colaboración entre a Deputación, a Xunta e Expourense
luis-menor-educa-ourense
25 Mar 2026

A segunda edición da Feira “Educa Ourense. Espazo de Innovación e Colaboración Educativa” abriu hoxe as súas portas en Expourense, consolidándose como un punto de encontro entre universidades, centros educativos e familias para orientar ao alumnado no seu futuro académico e profesional.

Durante a xornada inaugural, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, subliñou que esta iniciativa “veu para quedarse e para medrar”, ao tempo que puxo en valor “o excepcional traballo que se fai desde Ourense a prol da educación”.

O evento, que se celebra tamén mañá 26 de marzo, nace da colaboración entre a Deputación, a Xunta e Expourense, e chega tras o éxito da súa primeira edición. Neste sentido, Menor incidiu na relevancia da cooperación institucional para impulsar propostas deste tipo, que ofrecen “un espazo de innovación e colaboración educativa” e contribúen a facilitar a toma de decisións do alumnado sobre o seu futuro.

O presidente provincial tamén destacou a idoneidade de que a feira teña lugar en Ourense, facendo referencia ao Centro de Innovación da Formación Profesional “Eduardo Barreiros”, ao que definiu como “un espazo de vangarda para a comunidade educativa e para o sector produtivo de Galicia”.

Segundo sinalou, esta cita permite dar a coñecer unha oferta formativa “plural, variada e de calidade”, ao tempo que serve para amosar “o excelente sistema educativo que temos en Galicia e en Ourense”, que cualificou como resultado dunha aposta decidida pola educación.

A Deputación de Ourense participa activamente nesta feira a través dos seus centros formativos, como a Escola de Danzas, a Escola de Gaitas, o Obradoiro de Instrumentos e a Escola de Artes e Oficios. Trátase, en palabras de Menor, dunha proposta “que entronca coa nosa cultura e tradición e que complementa á demais”.

Ao longo destas xornadas, as persoas asistentes poden achegarse á oferta destes centros mediante actividades prácticas como obradoiros de baile tradicional, xogos populares, teares, clases de música tradicional ou demostracións de construción de instrumentos, entre outras iniciativas.

0.14842700958252