Luz verde a unha planta de xestión de residuos téxtiles no polígono de San Cibrao

A Xunta asegura que non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
poligono-san-cibrao-das-viñas-recurso
Polígono de San Cibrao das Viñas
9 Jun 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír unha planta de xestión e tratamento de residuos téxtiles no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, concretamente, nunha nave do polígono industrial.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e feito público hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.

Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais ou xestión de residuos.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade tamén a través da páxina web da Consellería, onde xa está dispoñible.
A instalación localizarase nunha nave industrial xa construída e cunha superficie de 1.241,4 m², contará con planta baixa (aseos, zona de operación e zonas de carga e descarga), entreplanta (cun pequeno espazo sen uso inicial) e primeira planta destinada a labores de oficina.

Promovida por Servicios Comerciales de Inspección Laboral EIL, a planta proxectada en San Cibrao ten como finalidade principal a valorización de residuos urbanos téxtiles. En concreto, a actividade a desenvolver consiste na recollida e traslado á instalación de roupa usada desde contedores instalados en distintos puntos da provincia de Ourense.
As actividades de valorización contemplarían a recepción, reenvasado e prensado da roupa, a súa clasificación e almacenamento temporal, un proceso de hixienización mediante tratamento con ozono e o empaquetado para a súa expedición final. O promotor prevé unha capacidade de xestión de 360 toneladas de roupa ao ano.

⚙ Configurar cookies
0.18820214271545