Luz verde ao proxecto Ourense verde e conectado

O plan “Ourense verde e conectado” sairá adiante tras coñecerse que o proxecto conseguiu unha subvención de 8.730.304 euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Plan EDIL. Trátase dunha achega que permitirá ao Concello executar un ambicioso plan que abarca melloras en mobilidade, infraestruturas e medio ambiente.
O proxecto abrangue dúas áreas diferenciadas. Por un lado, o plan “Ourense conectada” contempla a humanización das rúas Doutor Fleming e Bonhome, a instalación de rampas mecánicas na Rampla de Sas e na rúa Vasco Díaz Tanco, un elevador na rúa Amor Ruibal e un programa sociocultural de cohesión e gobernanza. Por outro, “Ourense verde, rúas verdes” inclúe a renaturalización da cidade, percorridos verdes a nivel de barrio, novas áreas infantís, mellora da seguridade e accesibilidade, así como iniciativas para fomentar a biodiversidade e a vida social en prazas e rúas.
A financiación destas actuacións será posible grazas a unha subvención de 8,7 millóns de euros procedentes de fondos europeos FEDER, dentro do Plan EDIL, que supón o 60 % dun orzamento total de 14,5 millóns. A resolución provisional, publicada o 1 de outubro pola Dirección Xeral de Fondos Europeos, confirma esta axuda destinada a proxectos de desenvolvemento urbano sostible.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valorou positivamente a noticia coñecida este venres, destacando que se trata dunha das axudas máis importantes recibidas polo municipio na súa historia. “Son actuacións moi importantes que permitirán avanzar na cidade en materia de mobilidade, infraestruturas e medio ambiente”, sinalou. Tamén subliñou a calidade do plan presentado polo Concello nunha convocatoria de ámbito estatal na que, segundo indicou, “quedamos moi arriba para a poboación que temos”.