Maceda celebra mañá o Fiadeiro de Carguizoi a pesar da previsión de choiva

Maceda celebrará este sábado unha nova edición do tradicional Fiadeiro de Carguizoi, unha xornada festiva que contará con animación musical e a visita dos Felos, figuras emblemáticas desta celebración.
Para facilitar o desprazamento dos asistentes, desde a organización informan que se habilitarán lanzadeiras que sairán cada media hora entre as 16:00 e as 00:00 horas. O prezo do billete será de 2 euros. As lanzadeiras partirán desde Maceda ás horas en punto e desde Carguizoi ás medias horas. Desde a organización recoméndase utilizar este servizo para evitar deixar vehículos en zonas pouco axeitadas, algunhas delas enlamadas polas choivas recentes.
En caso de mal tempo, haberá carpas instaladas para protexer os asistentes. Ademais, desde a organización solicitan que se respecte a decoración e as inmediacións da aldea, así como un chamamento especial ao respecto cara á figura do Felo.
Durante a xornada, os asistentes poderán gozar de música en directo, comida, bebida e pinchos, nun ambiente de convivencia e tradición.