Maceda rendeu homenaxe ás Mozas de Castro de Escuadro

OurenseXa
O municipio viviu un 8M “histórico e moi emocionante”, en palabras da alcaldesa, cunha xornada dedicada a estas mulleres que en 1944 foron detidas por celebrar o Entroido e permaneceron quince días na cárcere de Ourense
8m-maceda
11 Mar 2026

Maceda viviu o pasado domingo un día “histórico e moi emocionante”, segundo destacou a alcaldesa, Uxía Oviedo, no marco das actividades conmemorativas do 8 de marzo. A xornada serviu non só para reivindicar a igualdade, senón tamén para “recordar, facer un exercicio de memoria e xustiza ás mulleres de Maceda que influíron na historia do noso Concello”.

O acto principal estivo dedicado ás Mozas de Castro de Escuadro, mulleres que en 1944 foron detidas por celebrar o Entroido e permaneceron quince días na cárcere de Ourense. A alcaldesa subliñou que se tratou de “unha homenaxe moi emocionante, na que as familias das protagonistas nos contaban como elas, durante as súas vidas, estiveron orgullosas desta historia, contaban que seguiron cantando no cárcere e que unha vez fora, fixeron coplas que seguen na memoria das súas familias”.

Nas súas palabras, Oviedo lembrou unha das frases que resumían a experiencia daquelas mulleres: “Aínda que fun a carcel non fun por ladrón, fun por bailar unha tarde un charleston”. A alcaldesa destacou que “pequenos feitos coma este marcaron a historia do noso Concello, mantiveron a tradición do Entroido ata os nosos días. E é o momento de recoñecerlle ese acto de valentía a esas grandes mulleres que, na maioría dos casos, xa non están connosco. Mulleres con nome e apelidos”. “Nós as mulleres de Maceda, somos as netas, as fillas, as sobriñas e as bisnetas das mulleres entroideiras que non puideron parar”, recalcou Oviedo.

A alcaldesa aproveitou para agradecer a quen fixo posible a celebración, especialmente “a Ana e Isa do CIM polo traballo continuo na axenda feminista do noso Concello, por poñer enriba da mesa estes temas. A nosa Batucada Empoderada e as nosas Pandereteiras de Os Chouteiros. A Natalia Ibáñez Suárez pola redacción e aportación do Manifesto deste ano polo Día Internacional da Muller. E como non, ás familias das protagonistas. Grazas a xente de Castro de Escuadro por estar hoxe, por abrirnos o seu corazón e compartir connosco. E grazas a todas e todos por estar nun momento tan importante para a historia de Maceda escrita con nome de muller”.

A homenaxe reforza o compromiso do Concello de Maceda coa memoria histórica das mulleres do municipio e coa difusión da cultura popular, lembrando a valentía de quen, coa súa música e os seus bailes, contribuíron a manter viva a tradición do Entroido.

0.12626600265503