Máis de 1.000 persoas participan na carreira solidaria do Pilar en Ourense

OurenseXa
O recadado no evento destinarase á Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais, ALCER Ourense
carreira-do-pilar-ourense
6 Oct 2025

Máis de 1.000 persoas sumáronse este domingo á segunda edición da Carreira do Pilar, organizada con motivo das festividades da Patroa da Garda Civil. O recadado no evento destinarase á Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais (ALCER Ourense).

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, felicitou á Garda Civil pola súa vocación de servizo á sociedade, destacando que «non se limita á protección e á seguridade, senón que tamén promove valores como a solidariedade, a cooperación e a empatía». Santos inaugurou a carreira na Praza Maior de Ourense xunto co tenente coronel da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, e o capitán da Subsección de Tráfico, Javier Barja.

O subdelegado destacou a alta participación do evento, con 1.013 corredores, e agradeceu o seu apoio a unha iniciativa que promove tanto o deporte como a solidariedade.

Santos tamén agradeceu a labor da asociación ALCER, que ofrece recursos de apoio a persoas con enfermidades renais e realiza actividades de prevención, subliñando que “a súa labor é fundamental para moitas persoas e un exemplo de dedicación e humanidade”.

A Carreira do Pilar 2025 tivo saída e meta na Praza Maior, cun percorrido de 6.350 metros polas principais rúas da cidade, que comezou ás 11:00 h. Para os participantes de entre 7 e 12 anos organizouse un percorrido de 700 metros ás 12:30 h, mentres que os nenos de 0 a 6 anos correron 100 metros. A inscrición custou 12 euros para a carreira absoluta, sendo gratuíta para os máis pequenos, que recibiron unha medalla ao cruzar a meta, mentres que os maiores obtiveron unha camiseta do evento.

⚙ Configurar cookies
0.10387897491455