Máis de 1.100 escolares de 24 centros ourensáns gozarán da obra ‘Mistura’ no Auditorio de Ourense

Máis de 1.100 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria, procedentes de 24 centros escolares da provincia, participarán mañá nunha nova cita da programación escolar de Afundación, a Obra Social de ABANCA, no Auditorio Municipal de Ourense, onde se representarán dúas funcións do espectáculo Mistura, ás 10.00 e ás 12.00 horas.
A proposta, presentada pola Fundación IgualArte, combina música orixinal en directo e unha montaxe audiovisual que convida a reflexionar sobre a diversidade, a convivencia e a riqueza das diferenzas. Mistura propón un percorrido escénico polos contrastes da vida cunha mensaxe que celebra a mestura como parte esencial da experiencia humana.
A Fundación IgualArte, creada no ano 2002, desenvolve proxectos artísticos con persoas con diversidade funcional e defende a arte como un dereito colectivo. Dende 2008, conta ademais cun centro ocupacional artístico que impulsa a profesionalización e a integración laboral das persoas participantes.
As agrupacións de IgualArte colaboran habitualmente nas actividades educativas de Afundación, que en cada curso promove unha programación centrada na educación en valores. A través das artes escénicas, a entidade procura reforzar competencias como a creatividade, a solidariedade, a autoestima e o traballo en equipo, ao tempo que fomenta o pensamento crítico e a sensibilidade artística entre o alumnado.