Máis de 1.300 estudantes ourensáns participaron este ano no 41º Concurso da Constitución

O xurado da 41ª edición do Concurso da Constitución organizado pola Subdelegación do Goberno en Ourense reuniuse este luns para seleccionar os 20 traballos gañadores entre os 1.351 recibidos nesta edición, que volveu contar cun gran éxito de participación.
O certame escolar conmemora este ano o 47 aniversario da Constitución Española e forma parte das actividades promovidas polo Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade.
O concurso, aberto a estudantes de todos os niveis educativos, xirou nesta ocasión arredor do artigo 45.2 da Constitución: “Os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente, coa axuda da indispensable solidariedade colectiva”. O xurado valorou a orixinalidade, creatividade, calidade artística e adecuación temática dos traballos presentados.
A Subdelegación do Goberno recibiu 1.049 traballos en formato debuxo, correspondentes ás categorías de educación infantil, primaria e educación especial. Ademais, na modalidade de fotografía e vídeo, destinada a estudantes de ESO, bacharelato, formación profesional e universidade, presentáronse 290 fotografías e 12 vídeos.
Na categoría de debuxo participaron alumnos e alumnas de 15 centros educativos públicos e privados da provincia, entre eles CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso, CEIP Plurilingüe Santo Ángel, CEIP Santa Teresa de Jesús Carmelitas, CPR Plurilingüe Divina Pastora, CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, CPR Plurilingüe Cardenal Cisneros, CPR Padre Feijoo Zorelle, CEIP Plurilingüe de Seixalbo, CPR Plurilingüe La Purísima, CPR Plurilingüe María Auxiliadora Salesianos, CEIP Plurilingüe dos Blancos, CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia, CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas do Barco, CPR Plurilingüe Guillelme Brown do Pereiro de Aguiar e CPR Plurilingüe Miraflores do mesmo municipio.
Na modalidade de fotografía e vídeo participaron alumnos e alumnas doutros 15 centros, entre eles CPR Plurilingüe Divina Pastora de Ourense, IES Nº 1 de O Carballiño, CPR Plurilingüe Padre Feijoo-Zorelle, CPR María Inmaculada de Verín, CPR Plurilingüe Guillelme Brown do Pereiro de Aguiar, CPR Malvedo de Coles, CPR Pablo VI da Rúa, CPR Plurilingüe Santo Ángel Ourense, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Celanova, IES Xesús Taboada Chivite de Verín, CIFP Portovello, IES Universidade Laboral de Ourense, CPR Plurilingüe Divina Pastora do Barco, CPR Plurilingüe Santa María Maristas e a Universidade de Vigo.
O xurado estivo presidido polo subdelegado do Goberno, Eladio Santos, e formado polo secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias; a concelleira de Ourense, Tamara Silva; o inspector de Educación, Xosé Fernández; o subdirector da EASD, Antonio Faílde; Miguel Álvarez; a concelleira de Barbadás, Ana Belén Peleteiro, en representación do PSOE provincial, e a senadora Rosa María Sánchez Gándara, en representación do PP provincial.
A entrega de premios aos 20 gañadores, 10 por cada categoría, terá lugar o 6 de decembro ás 12:00 horas no Auditorio Municipal de Ourense. No acto participarán os concursantes, premiados, responsables institucionais e familiares, en conmemoración do Día da Constitución. Este evento pechará a programación en Ourense da campaña “50 anos de España en liberdade”.