Máis de 150 persoas participaron na XXII edición das Xornadas Interxeracionais do campus de Ourense

O pasado xoves, o campus de Ourense acolleu unha nova edición das Xornadas Interxeracionais, que xa suman vinte e dúas convocatorias. Durante a xornada, máis de 150 persoas de perfís, idades e capacidades moi variadas compartiron espazos de encontro e lecer a través dunha ampla variedade de xogos e dinámicas colaborativas. A iniciativa, consolidada xa como unha referencia no ámbito educativo e social, foi impulsada polo alumnado do Grao en Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social, en colaboración con Ategal (Formación Permanente e Ocio para Persoas Adultas), e contou co respaldo da facultade organizadora.
Esta edición foi o resultado do traballo desenvolvido ao longo do curso por máis de cincuenta estudantes de primeiro e segundo curso da titulación, no marco da materia Educación Permanente, coordinada polo educador social Millán Brea. O docente destacou o esforzo e implicación do seu alumnado, e puxo en valor a continuidade dunha proposta que leva máis de dúas décadas xerando espazos de aprendizaxe compartida: “Nacemos fai 22 anos para xogar e iso séguese mantendo, coa dinámica inicial de que todas e todos estamos aquí para aprender, e no caso do alumnado, para medrar como futuros educadores e educadoras sociais que son”.
Desde o alumnado, vivíronse as xornadas como unha oportunidade real para fomentar a interacción entre xeracións e promover a cohesión social a través do xogo e a participación activa. Foron os propios estudantes quen asumiron o liderado da actividade, encargándose da súa planificación e execución. Adrián Castro, estudante de primeiro curso, compartiu a súa visión da experiencia destacando “a emoción de crear algo diferente das actividades que se fan habitualmente”, e subliñou a riqueza da diversidade interxeracional das persoas participantes. Segundo explicou, tratouse “de plantar esa semente da convivencia” tendo en conta que “sempre se empeza desde nada para crear algo”.
Nesta edición participaron tamén estudantes de formación profesional do ámbito social, así como membros de entidades como Down Ourense, Provivenda ou ACCEM, esta última especializada no acompañamento a persoas inmigrantes e refuxiadas. A proposta lúdico-formativa tivo como obxectivo combater prexuízos e barreiras sociais —especialmente as relacionadas coa idade— ao tempo que se brindou ao alumnado unha experiencia directa de aprendizaxe vinculada ás competencias profesionais do seu futuro laboral.
As actividades comezaron na Praza Maior de Ourense, onde os primeiros grupos se reuniron para participar en xogos iniciais e na lectura do manifesto que acompaña cada edición. A continuación, o programa continuou no pavillón deportivo do campus, con diferentes dinámicas organizadas polo alumnado. Pola tarde, foron as persoas maiores de Ategal quen tomaron o relevo, guiando xogos de mesa tradicionais aprendidos nas décadas dos 50, 60 e 70. A xornada rematou cunha merenda conxunta que puxo fin a un día de convivencia, aprendizaxe e alegría compartida.