Máis de 17.000 persoas participaron nas actividades de saúde comunitaria organizadas na provincia de Ourense en 2024

OurenseXa
Impulsadas polos equipos de atención primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, o seu propósito é promover o benestar físico, emocional e social a través da participación activa na comunidade
actividade-saude-comunitaria-ourense
Imaxe dunha actividade de saúde comunitaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras
10 Jun 2025

Nesta última semana lectiva, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras pecha a programación de Saúde Comunitaria do curso 2024-2025, promovida polos equipos de Atención Primaria de toda a provincia, con doce actividades no marco dos proxectos de Saúde Escolar e das Escolas de Saúde, dirixidas a toda a poboación.

Os cursos desta última semana distribúense entre cinco obradoiros para á poboación en idade escolar. Catro nos colexios de Celanova (CEIP San Marcos) e Ourense (Salesianos) sobre Prevención de Condutas de Risco (Revolución Teenager); Primeros Auxilios para escolares de primaria (Pupas, sustos e outros desgustos) e Primeros Auxilios para escolares de infantil (Matilde no cole).

O quinto taller é “Coñece o teu centro de saúde” proposta que ten como obxectivo axudar, neste caso aos rapaces e rapazas de 6º de infantil e 2º de primaria do Calvo Sotelo de O Carballino, a perderlle o medo as batas, aos fonendos e aos sillóns de dentista, coñecendo ás persoas que os atenden dun xeito distendido.

Outras sete accións están abertas á cidadanía, no marco da programación das “Escolas de Saúde” dirixidas á poboación adulta e terán lugar en diferentes puntos: no Centro de Saúde de A Valenzá celebrarase un taller sobre educación sexual; nos locais das Asociacións de Veciños de Santa Teresita e Cudeiro, desenvolveranse dúas sesións sobre actuacións ante unha urxencia ou emerxencia, que impartirá o persoal Centro de Saúde de A Ponte.

Profesionais do Centro de Saúde de Xinzo de Limia, a PSX (persoal de servizos xerais) Eva Villar, visitará o Centro Cultural de Baltar, para explicar aos vecinos como funciona o "Sergas Móbil", aplicativo desde o que se pode pedir ou consultar as citas, acceder a historia clínica e probas diagnósticas, resultados de cribado, e todo tipo de información sobre os centros e hospitais de referencia.

A Casa da Cultura de Rubiá tamén será a sede do taller para persoas coidadoras, con información útil para os familiares ou profesionais que desenvolven esta labor, impartido por profesionais do equipo de soporte de atención domiciliaria (ESAD) de O Barco.

Por último, o persoal do Centro de Saúde de Chandrexa de Queixa retoma as súas pílulas saudables, nesta ocasión coa Ruta Circular San Cristovo, que se realizará ás 17.00 h. e á que están convidados os veciños e veciñas de todas as idades.

Esta actividade forma parte do proxecto gañador da IV Bolsa de Medicina Rural da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e da Sociedade Española de Medicina Xeral (SEMG): “Plan de Actuación Integral Saúde Natural do Macizo Central: Manzaneda-Chandrexa de Queixa”, que desenvolven de xeito coral persoal médico, de enfermería e nutrición dos Centros de Saúde de Manzaneda e Chandrexa de Queixa, xunto a profesionais destes concellos; o Centro de Educación Infantil e Primaria de Manzaneda; as Casas do Neno de ambos municipios; asociacións de mulleres rurais locais e o titular da farmacia de Manzaneda.

Durante o ano 2024, un total de 17.015 persoas participaron nas diferentes intervencións de saúde comunitaria, organizadas polos equipos de atención primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. En total, desenvolvéronse 903 obradoiros, repartidos entre programas de saúde escolar e escolas de saúde, dirixidas á poboación xeral.

Deles 467 obradoiros foron de Saúde Escolar, en colexios e institutos, nos que participaron 9.868 alumnos e alumnas de infantil, primaria e secundaria. Estes programas están deseñados para adaptarse aos diferentes niveis educativos e promoven hábitos saudables desde a infancia, a través de iniciativas de primeiros auxilios, adaptados por idades, e obradoiros específicos para profesorado e persoal dos centros educativos. Tamén de alimentación saudable; hixiene bucodental; educación afectivo-sexual; prevención de condutas de risco e Humanización e coñecemento do sistema sanitario.

Paralelamente, leváronse a cabo 436 obradoiros dentro das Escolas de Saúde, nos que participaron 7.147 persoas adultas. Estes espazos de formación comunitaria abordaron unha ampla variedade de temas de interese social e sanitario, como Primeiros auxilios para adultos; Promoción dunha alimentación saudable; Escola de persoas coidadoras; Prevención e manexo de situacións de urxencia; Actividades de promoción do benestar emocional.

Este espírito coral e colaborativo está presente na maioría de accións de saúde comunitaria da provincia, impulsadas polos equipos de atención primaria: profesionais de enfermería, medicina, pediatría, saúde bucodental, nutrición, dos Puntos de Atención Continuada e persoal residente en formación, no marco dunha estratexia consolidada da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras para promover o benestar físico, emocional e social da poboación, a través da participación activa da comunidade.

PREVENCIÓN E PROMOCIÓN DA SAÚDE

A saúde comunitaria é unha ferramenta esencial na prevención da enfermidade e a promoción de hábitos de vida saudables, así como de fomento do autocoidado e o coidado dos outros, e cobra especial relevancia cando se realiza de forma integrada nos territorios e en colaboración co tecido social e educativo. A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco é referente en Galicia, pola súa ampla programación, estable durante todo o curso escolar, que se retoma novamente en setembro.

A programación para a poboación xeral mantense de xeito puntual durante o verán, especialmente reforzando iniciativas de saúde pública como a prevención ante ao calor, protección da pel na exposición ao sol e actividades propias da tempada estival.

Desde os obradoiros infantís ata a formación para coidadores e persoas maiores, estas accións fortalecen o vínculo entre a poboación e o sistema sanitario público de saúde, fomentando o coñecemento, a corresponsabilidade e o empoderamento dos pacientes e usuarios na toma de decisións en saúde.

⚙ Configurar cookies
0.16721487045288