Máis de 2.100 nenos e nenas de Ourense beneficiaranse do programa Concilia Verán 2025

OurenseXa
O programa aumenta en 375 o número de prazas co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e laboral
concilia-veran-ourense-2025
Concilia Verán Ourense 2025
2 Jul 2025

A Concellería de Educación do Concello de Ourense pon en marcha o programa Concilia Verán 2025, co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar durante as vacacións escolares. Este ano amplía en 375 prazas o seu número, chegando a máis de 2.100 participantes.

Todas as actividades teñen carácter lúdico-educativo e están dirixidas a nenos e nenas dende 4º de Educación Infantil ata 4º curso de ESO, e desenvolven en distintos espazos da cidade para facilitar os desprazamentos.

Este luns comezaron dúas novas propostas que se incorporaron este ano á programación: no Centro Cívico Colón, o Campamento Dixital - Cibervoluntarios, e na Escola Municipal de Música e Teatro, o Campamento de Iniciación ao Teatro. Ademais, está en marcha o programa na Aula de Natureza de Oira, onde ata a primeira semana de setembro se realizan diariamente actividades relacionadas co medio ambiente.

Por outra banda, este martes deu inicio o Concilia Verán nos nove centros de ensino que participan, que se desenvolverá durante xullo e agosto en horario de 8:00 a 14:30 horas nos CEIP O Couto, Manuel Luis Acuña, Amadeo R. Barroso, Mestre Vide, Virxe de Covadonga, Vistafermosa, Irmáns Villar, A Ponte e As Mercedes.

A programación complétase co Concilia Verán - Espazo Makers - UVigo: “Un verán na nube”, que terá lugar durante o mes de xullo no edificio politécnico - Facultade de Informática da Universidade de Vigo, no campus de Ourense, dirixido ao alumnado de 6º de Primaria a 3º de Secundaria.

⚙ Configurar cookies
0.080965042114258