Máis de 2.200 escolares visitaron Celanova grazas ao programa educatiivo da Fundación Curros Enríquez

A poesía e a música volven ser o mellor reclamo para que centos de escolares de toda Galicia se acheguen a Celanova ao longo do curso. A Fundación Curros Enríquez recibiu entre xaneiro e xuño a 2.218 alumnos de 52 centros educativos que participaron no programa ‘Vén coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio’, que combina visitas á Casa dos Poetas, ao Mosteiro de San Rosendo, a Vilanova dos Infantes e a Castromao, ademais de percorridos poéticos pola vila e actividades musicais co órgano.
En total, máis de 50 colexios de toda Galicia visitan cada ano este espazo cultural. Este curso destaca a presenza de 23 centros de Pontevedra, 16 de Ourense, 11 da Coruña e 2 de Lugo. Moitos grupos aproveitan a visita para realizar actividades complementarias, ocupando media xornada ou o día enteiro en Celanova.
Por primeira vez sumáronse á iniciativa cinco centros novos: a EASD Antonio Faílde de Ourense, o IES Terras de Turonio de Gondomar, o IES Poeta Añón de Outes, o CPI do Feal de Narón e o CEIP Xoán de Requeixo de Chantada.
A fidelidade de moitos colexios é outro dos puntos fortes do programa. Centros como o IES A Paralaia de Moaña superaron este ano a súa 15ª visita, mentres que o CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras e o CPI A Xunqueira de Fene celebraron o seu décimo ano de participación. Ademais, outros como o IES Moncho Valcárcel das Pontes ou o IES de Teis repiten cada curso, reforzando a confianza do profesorado nesta actividade como complemento perfecto a materias como literatura galega, historia da arte e música.
De cara ao próximo curso 2025/2026, a Fundación Curros Enríquez prevé ampliar a oferta coa ‘Xincana por Celanova’, un xogo de busca de pistas pola vila que formará parte dun campionato escolar.
Desde a súa apertura, a Casa dos Poetas xa recibiu a 42.360 alumnos de 297 centros educativos, con 37 colexios que repetiron a experiencia máis de cinco veces, 14 máis de dez e 6 en máis de quince ocasións.