Máis de 350 mulleres de toda a provincia participaron no encontro organizado por FEMURO con motivo do Día da Muller Rural

OurenseXa
A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO) leva preto de 30 anos fortalecendo o tecido asociativo feminino e mellorando as condicións de vida das mulleres nas zonas rurais
femuro
20 Oct 2025

Máis de 350 mulleres de toda a provincia de Ourense participaron este sábado no acto organizado por FEMURO con motivo do Día Internacional da Muller Rural, celebrado en Vilardevós.

FEMURO naceu en 1998 da man de Maribel Garrido e Corona Meixeira, co obxectivo de crear un espazo de unidade e colaboración entre as asociacións de mulleres rurais. Desde 2012, Garrido lidera a federación, que actualmente agrupa 68 asociacións distribuídas por toda a provincia.

O labor de FEMURO busca fortalecer o tecido asociativo feminino e mellorar as condicións de vida das mulleres nas zonas rurais de Ourense, centrando o seu traballo en dúas áreas principais: o asociacionismo e o ámbito social.

No eido do asociacionismo, a federación acompaña as asociacións de mulleres na súa creación e consolidación, ofrecendo asesoramento, apoio na xestión, dinamización de actividades e organización de obradoiros, reunións e xornadas de formación.

Pola súa banda, no ámbito social, FEMURO desenvolve programas de emprego, formación, emerxencia social e conciliación da vida laboral e persoal, con especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade. Ademais, leva a cabo accións de sensibilización en igualdade dirixidas a toda a poboación, con presenza destacada nos centros educativos, para previr a violencia machista e promover relacións baseadas no respecto e na igualdade.

⚙ Configurar cookies
0.076201915740967