Máis de 400 persoas participaron este fin de semana no “Survival Zombie” de Amoeiro

Amoeiro acolleu este sábado a primeira edición da súa propia “Survival Zombie”, que conseguiu reunir a máis de 400 persoas chegadas desde Barcelona, Madrid, Andalucía, Zamora e distintos puntos de Galicia.
O xogo desenvolveuse cun marcado carácter festivo, nun ambiente familiar e entre amigos, onde os participantes tiveron que resolver probas, descifrar enigmas, buscar pistas e localizar obxectos de interese. Durante case seis horas, o municipio converteuse nun verdadeiro escenario postapocalíptico no que os zombies foron os absolutos protagonistas.
Desde o Concello de Amoeiro celebran a boa acollida do evento e agradecen a colaboración da Cruz Vermella, Proxección Civil e, especialmente, da asociación Medrando Amoeiro, destacando o seu “fantástico traballo” para garantir o correcto desenvolvemento da actividade.