Máis de 500 persoas participaron na última edición dos Obradoiros de Emprego promovidos pola Xunta en Ourense

Máis de 500 persoas melloraron a súa empregabilidade na provincia de Ourense a través dos obradoiros duais de emprego desenvolvidos pola Xunta na última convocatoria. En total, foron 27 as iniciativas postas en marcha no territorio provincial, que permitiron combinar formación e traballo efectivo a persoas desempregadas, especialmente pertencentes a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.
Estes programas forman parte dos 87 obradoiros duais financiados polo Goberno galego no conxunto da comunidade, cun investimento global superior aos 36 millóns de euros. Ademais da formación práctica, a Xunta asume os custos de contratación do alumnado-traballador e do persoal directivo e docente, así como incentivos para favorecer a súa incorporación ao mercado laboral unha vez finalizado o obradoiro.
Neste marco, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou este sábado o concello de Maside para coñecer de primeira man os traballos realizados ao abeiro do Obradoiro de Emprego Agrupación Carbosam 2024, promovido polos concellos do Carballiño, Maside e Boborás. A iniciativa contou cun investimento próximo aos 430.000 euros por parte da Xunta.
Durante a visita, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, González destacou o valor dun programa no que participaron vinte persoas durante nove meses, combinando formación e emprego nas especialidades de albanelería, cubertas, acabados ríxidos e urbanización.
Ao longo do obradoiro leváronse a cabo actuacións de rehabilitación e posta en valor de lavadoiros, fontes e espazos públicos en distintos núcleos de Maside —como Costanza, Listanco, Louredo, Maside e As Quintás—, así como en Boborás e no Carballiño. O conselleiro subliñou que este tipo de iniciativas non só melloran a cualificación profesional das persoas participantes, senón que tamén teñen un impacto directo no benestar da veciñanza e na mellora das contornas locais.
Finalmente, José González lembrou que a nova convocatoria de obradoiros duais de emprego, actualmente en fase de resolución, incrementa o seu orzamento ata os 48,1 millóns de euros e introduce novidades orientadas a reforzar a formación práctica e a empregabilidade, con especial atención a sectores estratéxicos como o agrario e o da seguridade e medio ambiente, especialmente relevantes no ámbito rural.