Máis de 65 centros educativos da provincia de Ourense recibiron axudas do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

OurenseXa
En total, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destinou máis de 80.000 euros aos centros ourensáns nesta convocatoria
manuel-pardo-ceip-manuel-sueiro
12 Dec 2025

Máis de 65 centros educativos da provincia de Ourense beneficiáronse da última convocatoria do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), na que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional investiu máis de 80.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o colexio CEIP Manuel Sueiro, un dos centros que recibiu estas axudas. Durante a súa visita, explicou que esta iniciativa apoia as bibliotecas escolares como espazos estratéxicos para mellorar a calidade educativa, proporcionando recursos para ferramentas de aprendizaxe e material didáctico. Ademais, con estas axudas, os centros poden ampliar os seus fondos bibliográficos, modernizar mobiliario e equipamento, e sufragar gastos de mantemento e xestión das bibliotecas.

Manuel Pardo destacou a importancia das bibliotecas escolares non só como lugares para fomentar a lectura, senón tamén como espazos de traballo en equipo e convivencia. Lembrou que o Goberno galego leva anos impulsándoas a través de programas como Biblioteca Creativa, Lectura e Familias ou os Clubs de Lectura, co obxectivo de convertelas en centros neurálxicos de aprendizaxe e adquisición de competencias, así como motores de innovación e creatividade.

O delegado territorial subliñou o papel fundamental das bibliotecas escolares na implementación do Plan MEGA de mellora educativa en Galicia, especialmente no programa de reforzo da comprensión lectora. Explicou que esta iniciativa artéllase mediante a oferta de actividades e recursos de lectura para toda a comunidade educativa, o que contribúe eficazmente a mellorar a comprensión lectora do alumnado. Así, a biblioteca escolar funciona como un espazo mediador para o desenvolvemento de competencias comunicativas, informacionais e mediáticas, esenciais para a construción do pensamento crítico.

⚙ Configurar cookies
0.078970909118652