Máis de 650 escolares ourensáns participarán nos obradoiros de "Educación deportiva para a vida"

A Concellería de Educación do Concello de Ourense pon en marcha un programa de obradoiros de "Educación deportiva para a vida", dirixidos a escolares de Educación Infantil, co obxectivo de fomentar a saúde a través da actividade física e do deporte.
A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu esta semana, no colexio Manuel Sueiro, ao inicio das actividades, con sesións que combinan a actividade deportiva con nocións de psicoloxía. Ata final de curso participarán nesta proposta máis de 650 nenos e nenas.
Estes obradoiros foron deseñados para fomentar a práctica da actividade física e do deporte entre a poboación infantil, non só pola mellora física que supoñen, senón tamén pola promoción da saúde mental e o crecemento persoal. Están especialmente pensados para o alumnado de centros educativos de Educación Infantil co obxectivo de que os e as participantes experimenten os efectos positivos da práctica do exercicio.
En cada obradoiro lévanse a cabo xogos adaptados á idade, nos que nenas e nenos traballarán o reforzo da conciencia corporal e a percepción da autoeficacia.
O contido concreto de cada sesión está orientado a que o alumnado aprenda a recoñecer as emocións resultantes do movemento corporal, así como a favorecer a percepción da autoeficacia e o reforzo da identidade persoal.
Os obradoiros, organizados polo Concello, están incluídos no Programa Saúde Integral, da Fundación SHE (Fundación para a Ciencia, a Saúde e a Educación), presidida polo prestixioso cardiólogo Valentín Fuster, e forman parte do programa educativo municipal Educación para a Saúde.