Máis de 800 escolares aprenderán sobre seguridade viaria co programa Planeta ODS
Fundación Mapfre, en colaboración co Concello de Ourense, pon en marcha, no marco do seu programa educativo Planeta ODS, a Caravana Planeta ODS, unha actividade educativa gratuíta, cun enfoque gamificado e experimental, que ten como obxectivo achegar ao alumnado dos colexios de Ourense a seguridade viaria, a prevención de lesións non intencionadas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Esta mañá tivo lugar a apertura da actividade, que se desenvolverá até o venres, día 10, no Parque do Barbaña, de 9.30 horas a 18.00 horas, para recibir a visita de grupos de escolares de 3º a 6º de Primaria) e público en xeral.
Durante as visitas, os educadores transmítenlles aos escolares os coñecementos necesarios para comprender os ODS, valorar a súa importancia e relacionalos coa mobilidade, ao tempo que se fomenta a súa capacidade de reflexión, de iniciativa e o traballo en equipo. A visita pretende ser unha experiencia inmersiva, na que a aprendizaxe está baseada na gamificación, a cooperación e a experimentación.
Os escolares participantes, xunto co profesorado, percorrerán tres espazos diferentes, desenvolvendo en cada un deles unha actividade práctica didáctica. “O enigma da galería virtual”, é un Escape Room no que se lles propoñen enigmas relacionados coas temáticas da actividade e que teñen que resolver colaborando uns con outros. Na segunda, “A aventura da prevención no Fogar Virtual”, móstranse diferentes situacións relacionadas coa prevención de lesións non intencionadas e realízanse actividades en formato de desafíos interactivos, que deben resolver en grupo.
A terceira zona é o Circuíto Interactivo de Mobilidade 3S: segura, sa e sostible con sinais de tráfico, bicicletas e patinetes (VMP). Neste circuíto hai zonas peonís e rúas para que os nenos aprendan a desprazarse de maneira segura como peóns e como condutores de bicicletas e patinetes. Ademais, contarase coa colaboración de axentes da Policía Local. En definitiva, un total de 90 minutos de diversión e aprendizaxe cooperativo para previr lesións infantís e levar a prevención aos escolares do municipio.
Esta mañá tivo lugar a presentación da actividade no Parque Barbaña, nun acto que contou coa asistencia da concelleira de Educación, Tamara Silva, director xeral territorial de MAPFRE, Luis Carlos Tortajada, o director territorial, Miguel Ángel Talabante, o xefe de actividades de Prevención e Seguridade Viaria da Fundación MAPFRE, Antonio García, a representante da Fundación MAPFRE en Ourense, Gloria Santos, o xefe provincial de Tráfico, David Llorente Rey, a intendente xefa da Policía Local de Ourense, María Barrera, o tenente Carlos Nogueiras e o capitán Javier Barja do Subsector de Tráfico da Garde Civil, e José Olivier Reboredo, xefe provincial de Protección Civil.