Máis de 900 escolares ourensáns participan nun ciclo de encontros co escritor Abel Tomé

OurenseXa
A actividade forma parte do programa de animación á lectura do Concello de Ourense
programa-lctura-ourense
14 Feb 2025

A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza esta semana un ciclo de encontros entre escolares da cidade e o escritor Abel Tomé. Máis de 900 alumnos e alumnas de 5º de Primaria, xunto con 60 docentes, participan nesta actividade, que se enmarca dentro da campaña municipal de animación á lectura.

Antes destes encontros co autor, a Concellería de Educación distribuíu nos colexios participantes exemplares do libro 'Milú e o edificio das persoas extraordinarias', acompañados dunha unidade didáctica. Os nenos e nenas leron a obra, realizaron actividades na aula e, durante esta semana, participan en varias sesións no Liceo, onde teñen a oportunidade de conversar con Abel Tomé, intercambiar impresións sobre o libro, formularlle preguntas e falar sobre a lectura e o proceso de creación literaria. A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu ao desenvolvemento destes encontros.

Milú e o edificio das persoas extraordinarias é unha luminosa fábula social que destaca o poder da imaxinación infantil para soñar cun mundo mellor. A historia está protagonizada por un neno cun don especial: a capacidade de construír soños.

Abel Tomé, graduado en Xornalismo, é autor das novelas 'A noite do corvo, A noite do lobo' (Premio Illa Nova de Narrativa), 'Liliam Strawberry e o paxaro da morte' (finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2022) e 'A noite do oso' (Premio García Barros). Con 'Milú e o edificio das persoas extraordinarias', obtivo o Premio Merlín 2024.

0.16298508644104