Máis de cen nenos e nenas do CEIP Curros Enríquez participan no proxecto ‘Plantando árbores con pinceis’ en Ourense

Un total de 125 alumnas e alumnos do CEIP Curros Enríquez de Ourense participarán mañá, mércores 8 de abril, no proxecto educativo Plantando árbores con pinceis, unha iniciativa que combina arte, sustentabilidade e educación ambiental.
Durante a actividade, o alumnado elaborará un mural empregando pinturas fotocatalíticas anticontaminantes, ademais de decorar bolsas de tea con pinturas ecolóxicas. Como novidade neste curso, tamén participarán nun obradoiro de estampaxe, ampliando así as propostas creativas e formativas da iniciativa.
O proxecto enmárcase dentro do programa «Educación para a sostibilidade», promovido pola Obra Social de ABANCA, que en 2024 foi recoñecido co premio nacional de Medio Ambiente de CECA. A través desta proposta, búscase concienciar aos máis novos sobre a importancia do coidado do medio ambiente e a súa relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) 2030.
Plantando árbores con pinceis iniciouse no ano 2021 como parte das actividades da Área Educativa de Afundación. Desde entón, ten acadado unha ampla participación en centros escolares de toda Galicia, e prevese que ao remate do curso 2025-2026 máis de 19.000 escolares e docentes teñan participado na creación de máis de 200 murais.