Máis de mil adolescentes ourensáns participaron un estudo universitario sobre violencia sexual dixital

OurenseXa
Investigadores do campus desenvolven a partir dos resultados do estudo unha campaña para concienciar á mocidade sobre este tipo de violencia
uvigo-campaña-violencia-sexual-online
19 Jul 2025

Os preocupantes datos dun estudo realizado a 1.140 adolescentes da provincia de Ourense sobre acoso e abuso sexual baseado en imaxes foron o punto de partida para a creación de dúas pezas audiovisuais divulgativas que se presentaron esta semana no campus de Ourense da Universidade de Vigo. O proxecto, financiado pola Deputación de Ourense no marco do programa Inou 2024, foi desenvolvido polo grupo de innovación docente Hildegard (Innovación en Sexualidade, Xénero e Saúde), dirixido polas investigadoras María Lameiras e Yolanda Rodríguez.

Os resultados recollidos revelan a dimensión da violencia sexual en liña que afecta á mocidade. Segundo explican as autoras do estudo, “as mozas adolescentes ourensás son vítimas deste tipo de violencias sexuais online: un 50,6% afirmaron que recibiron fotos de penes nos seus móbiles sen solicitalas” e un 24,2% delas sentiron presión para enviar imaxes íntimas sen desexalo. Pola súa banda, os datos tamén evidencian diferenzas de percepción e comportamento entre rapaces e rapazas. “Os mozos ourensáns son os que levan a cabo máis comportamentos de abuso sexual baseado en imaxes que as súas compañeiras”, indican Lameiras e Rodríguez, sinalando prácticas como compartir contido sexual sen consentimento, manipulación de imaxes mediante intelixencia artificial ou realizar capturas con intención de difusión.
Para dar resposta a esta realidade, as responsables do estudo desenvolveron dúas pezas audiovisuais que buscan informar e sensibilizar ao público adolescente e universitario sobre estas violencias dixitais. A súa presentación tivo lugar no campus de Ourense coa presenza do vicerreitor Francisco Javier Rodríguez e das súas creadoras, María Lameiras e Yolanda Rodríguez, tamén directora da Unidade de Igualdade da UVigo.

Os vídeos, dispoñibles en galego, castelán e inglés, levan por título ‘O acoso sexual baseado nas imaxes’ e ‘O abuso sexual baseado nas imaxes’. A idea orixinal e o guión foron elaborados por Lameiras e Rodríguez, mentres que o deseño gráfico, animación e son foron responsabilidade da artista Marta Delas. As pezas forman parte do proxecto #Non+ViolenciaSexualOnline e contaron cunha axuda da Xunta de Galicia para a consolidación de unidades de investigación.

As investigadoras destacan que “as ciberviolencias sexuais, nomeadamente o acoso sexual baseado nas imaxes, son unha realidade crecente que afecta especialmente á xente nova e ás mulleres. Dispoñer de materiais informativos novidosos é clave para previr, identificar e actuar fronte a estas violencias e promover relacións máis seguras, igualitarias e respectuosas”.

De forma visual e didáctica, os vídeos explican que o acoso sexual baseado en imaxes inclúe condutas non desexadas como presións para enviar contido íntimo ou o envío de imaxes sexuais non solicitadas. No caso do abuso sexual baseado en imaxes, abórdase a difusión de contido íntimo sen consentimento, a creación de imaxes falsas (deepfakes) ou a utilización de imaxes para chantaxe, vinganza ou humillación.

As dúas pezas están xa dispoñibles en liña e pretenden ser unha ferramenta útil para centros educativos, entidades xuvenís e universidades na loita contra a violencia sexual dixital.

⚙ Configurar cookies
0.15434312820435