Máis de mil escolares da provincia de Ourense aprenderán inglés a través do teatro coa función 'Unboxing Alice'

OurenseXa
A obra represéntase este luns no Auditorio para alumnado de 5º e 6º de Primaria de 19 centros educativos procedentes de distintos puntos da provincia
auditorio-municipal-de-ourense
2 Feb 2026

Arredor de 1.050 escolares de 19 centros educativos da provincia de Ourense asisten este luns no Auditorio Municipal de Ourense á representación do espectáculo Unboxing Alice, unha función producida por On Stage Company que combina teatro participativo e lingua inglesa co obxectivo de facilitar a aprendizaxe dun xeito práctico e dinámico.

A historia recupera o universo de Alicia no País das Marabillas, situando os personaxes de Tweedle Dee e Tweedle Doo nun contexto actual, no que tentan reinventarse e adaptarse aos novos tempos.

A actividade forma parte da programación educativa que Afundación desenvolve cada curso para complementar a formación escolar a través das artes escénicas. Estas iniciativas procuran fomentar valores e competencias transversais como a creatividade, o traballo en equipo, a autonomía ou a autoestima, ademais de favorecer a reflexión e o desenvolvemento de habilidades sociais entre o alumnado.

⚙ Configurar cookies
0.080382108688354