Máis espazo público e mellor accesibilidade para Moreiras cun proxecto de 355.000 euros

OurenseXa
A actuación no concello de Toén, impulsada ao abeiro do plan Hurbe, incorpora zonas de lecer, área infantil, aparatos biosaudables e unha pista multideportiva, ademais de novo alumeado e rede de pluviais
TOEN visita hurbe
6 Mar 2026

O núcleo de Moreiras, no concello de Toén, encara a recta final das obras para completar a súa humanización e mellorar a accesibilidade, unha intervención que supón un investimento total de preto de 355.000 euros. A actuación é froito dun acordo de cooperación entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello, cunha achega do Goberno galego do 70% do financiamento.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou os traballos acompañado da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, e do alcalde, Ricardo González, para supervisar o estado dunha obra que busca transformar a contorna nun espazo máis cómodo, funcional e atractivo para a veciñanza.

O proxecto inclúe a creación dun conxunto de zonas de lecer e equipamentos ao aire libre. Entre eles figuran un auditorio con escenario e bancos, unha área de pérgolas con mobiliario pensada para o descanso, un espazo de xogos infantís e outra zona na que se instalarán aparatos biosaudables orientados á calistenia, ademais dunha pista multideportiva. A intervención complétase coa dotación de alumeado, a mellora da rede de pluviais e a instalación de novo mobiliario urbano.

Segundo expuxo Manuel Pardo, a actuación enmárcase no plan Hurbe, un programa co que a Xunta apoia aos concellos en proxectos para humanizar espazos públicos e dotarse de equipamentos, coa intención de mellorar a calidade de vida e contribuír a fixar poboación no territorio. O delegado territorial destacou tamén o papel da cooperación entre administracións para reforzar o atractivo de aldeas e vilas e impulsar a súa revitalización social e económica.

0.12221693992615