"Mañás de verán" continúa cunha nova xornada de diversión e aprendizaxe para a rapazada ourensá

A programación da vixésima edición de Mañás de verán, organizada pola Asociación Xuvenil Amencer, chega este martes 22 de xullo á súa quinta semana de actividade, cunha oferta lúdico-educativa pensada para crianzas de entre 3 e 14 anos. A xornada, que se desenvolverá en horario de 09.00 a 14.00 horas, promete unha mañá cargada de experiencias únicas adaptadas por idades.
Para o grupo de Educación Infantil, de 3 a 5 anos, está prevista unha excursión ao parque Miño, onde terá lugar unha gran olimpíada infantil. As nenas e nenos participarán en xogos como tiro ao branco, lanzamento de disco, salto de valas, tiro olímpico, tenis, paracaídas, futgolf, surf ou salto invertido, combinando actividade física con diversión ao aire libre.
Pola súa parte, o grupo de Primaria e Secundaria (de 6 a 12 anos) gozará dunha refrescante sesión de piscina nas instalacións de Oira, unha das propostas favoritas nos días de verán.
“Mañás de verán” celébrase nas instalacións do colexio salesiano María Auxiliadora de Ourense e prolongarase ata o xoves 24 de xullo. A actividade abrangue cinco semanas consecutivas, de luns a venres, ofrecendo ademais servizos complementarios como o de madrugadores (de 7.45 a 9.00 horas) e comedor ou friameira (de 14.00 a 15.15 horas), o que permite ás familias unha maior flexibilidade horaria.
A organización lembra que os obxectivos do programa son “educar en valores a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar a participación e o traballo en equipo, e poder seguir empregando as instalacións do colexio fóra do horario escolar”.
Durante estas semanas, os nenos e nenas tamén participan en actividades como educación emocional, obradoiros, animación á lectura, deportes, ciencia e cociña divertida, arte, teatro, xogos musicais ou xincanas de auga, nun ambiente pensado para aprender, compartir e pasalo ben.