Mantense a folga do sector da alimentación tras fracasar as negociacións

OurenseXa
Os paros continúan este venres e sábado, cando está prevista unha mobilización masiva do sector na capital ourensá
mobilizacions-comercio-alimentacion-ourense
6 Jun 2025

Tras dúas novas xornadas de negociacións celebradas esta semana, o sector da alimentación en Ourense mantén a folga convocada para este venres e sábado, ao non acadarse un acordo coa patronal. A protesta ten como obxectivo reclamar un convenio digno que permita equiparar as condicións laborais coas que xa gozan as traballadoras e traballadores do sector na Coruña e en Pontevedra.

A última proposta presentada pola patronal incluía un incremento de 100 euros anuais na categoría IV do convenio, pasando de 17.648,83 a 17.750 euros anuais. Unha oferta que os sindicatos consideran claramente insuficiente, e que contrasta coa súa proposta dun convenio sectorial cunha duración de tres anos e subas salariais progresivas.

Segundo as organizacións sindicais, a postura da patronal é “allea á realidade”, ao argumentar que se achega á equiparación salarial con outras provincias cunha suba do 22,74%, “recoñecendo con esas cifras que durante moitos anos mantiveron ás súas cadras de persoal con soldos de miseria”.

Ante a falta de acordo, mantéñense os paros de 24 horas durante hoxe e mañá. Ademais, para o sábado está convocada unha manifestación que partirá ás 12:00 horas desde a Casa Sindical, no Parque de San Lázaro, e rematará na Praza Maior. Os sindicatos CIG, CCOO, UGT e USO fan un chamamento á participación masiva, nunha mobilización que se prevé aínda máis numerosa que a celebrada o pasado 16 de maio.

⚙ Configurar cookies
0.1322329044342