Manuel Fernández foi elixido novo presidente do PP de Baños de Molgas

OurenseXa
O alcalde de Baños de Molgas asegura que o seu obxectivo é chegar a xente comprometida “que nos axude a conseguir máis vitorias electorai”, co foco posto no municipio e na veciñanza
congreso-local-pp-baños-de-molgas
Congreso Local do PP de Baños de Molgas
9 Jun 2025

Manuel Ángel Fernández Movilla (Baños de Molgas, 1992) foi elixido presidente do Partido Popular de Baños de Molgas no congreso celebrado esta fin de semana por esta agrupación local, conclave que clausuraron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP, Luis Menor, acompañados pola vicepresidenta do PPdeOU, Marta Novoa.

Paula Prado e Luis Menor puxeron en valor que o liderado de Manuel Fernández, aos seus 32 anos, demostra que o Partido Popular “aposta pola mocidade con feitos e non só con slogans”, fronte a un socialismo que “compra aos mozos con promesas pero non lles ofrece nada” e fronte a un independentismo galego que “non pode ofrecerlles máis futuro que unha utopía”.

Nese sentido, a secretaria xeral do PPdeG salientou o feito de que Manuel sexa o alcalde popular máis novo da provincia de Ourense e o terceiro en Galicia: “Demostra que a mocidade tamén se implica na política, no rural e, sobre todo, en querer mudar o rumbo dos seus concellos”

“O PP ten un equipo que non só é pasado e presente, senón que tamén é futuro. Manu, ao igual que o resto das nosas Novas Xeracións, demostra que a xuventude tamén é sinónimo de estabilidade, de solvencia e de experiencia”, subliñou.

Así mesmo, Paula Prado falou da “madurez” de Manuel Fernández e a “experiencia e coñecemento do seu concello” que xa tiña antes das eleccións, o que o levou, dixo, a conseguir a alcaldía.

Luis Menor felicitou ao novo presidente da agrupación local, que nas pasadas municipais arrebatou a alcaldía ao BNG na súa primeira cita electoral como cabeza de lista popular, advertindo que ten ante si o reto de revalidar a maioría absoluta e demostrar que a vitoria de hai dous anos “non foi unha casualidade, senón que soubeches escoitar á túa veciñanza e canalizar o seu descontento”.

Por outra banda, no aniversario da vitoria das eleccións europeas de 2024, Menor afirmou que o apoio das direccións do PP provincial e galega no congreso son “unha forma de devolver e agradecer todo ese apoio que nos destes hai un ano”.

Lembrou o presidente provincial que Manuel Fernández e o PP de Baños de Molgas foron quen de darlle a volta aos resultados das europeas de 2019, cando gañaron os nacionalistas, obtendo o pasado ano máis de 41 puntos de vantaxe sobre o BNG. “A mellor maneira de axudar a que Ourense fose a primeira provincia de Galicia e de toda España en apoio electoral, cun 51,4 % dos votos. O rigor, a honestidade e a estabilidade sempre triunfan por riba do desgoberno e da corrupción política e moral”, remarcou.

Manuel Fernández expresou o seu agradecemento á militancia de Baños de Molgas polo apoio recibido, e aos simpatizantes do partido por compartir o inicio dunha nova etapa no PP, sinalando que “o compromiso que asumín como alcalde quero trasladalo agora ao partido, para conseguir un PP forte e unido, aberto a toda persoa que queira traballar para mellorar o noso municipio”. O presidente da agrupación local destacou tamén que desexa contar con todas as que xa formaron parte do PP local nalgún outro momento.

Trátase, dixo, de que o PP de Baños de Molgas axude a conseguir máis vitorias electorais como as municipais e as europeas”, co foco sempre posto no municipio e na veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.16614198684692