Manuel Miragaia presentará o seu novo libro no Ateneo de Ourense

O próximo venres 13 de xuño, ás 19:00 horas, a sede provisional do Ateneo de Ourense, situada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acollerá a presentación do libro ‘A Terra do Eo-Navia. A galeguidade en Asturias’, do escritor e profesor Manuel Miragaia. A presentación irá seguida dun coloquio.
Este libro é pioneiro por ser o primeiro que se publica con carácter integral sobre a comarca asturiana do Eo-Navia. Segundo o seu autor, a obra busca mellorar o coñecemento desta “querida, fermosa e secular terra asturiana, que conta cunha rica cultura, variadas tradicións e un considerable patrimonio material e inmaterial”. Deste último destaca especialmente “a súa fala ou variante lingüística comarcal da grande lingua galego-portuguesa, merecedora da máxima protección e desenvolvemento”.
Para a súa elaboración contou cunha ampla bibliografía, información obtida de moitas outras fontes e experiencias vividas en viaxes e estadías ao longo dos anos. No libro reúnense datos xeográficos, históricos, lingüísticos, culturais, patrimoniais, etnográficos, socioeconómicos, gastronómicos e sobre os seus grandes homes e mulleres, que poden contribuír a que os eonaviegos coñezan mellor e valoren máis a súa terra mesopotámica, e que os galegos viaxen e se relacionen máis con ela.
O libro está ilustrado en todos os seus apartados con numerosas fotografías de toda a comarca do Eo-Navia.