Manuel Montero: “Mentres teña saúde seguirei en activo”

OurenseXa
Aos seus 78 anos e tras 54 dedicados á docencia, Manuel Montero é o cinto negro de Judo máis antigo en activo de Galicia, e un dos poucos de España
manuel montero cunha nena
Manuel Montero axudando a unha alumna co cinturón
26 Xul 2024

Ao falar de Judo en Ourense é case imposible non pensar en Manuel Montero. En xuño de 2024, o mestre recibía o seu 8º Dan de Judo, o máis alto rango obtido por un ourensán, tras 54 anos dedicados á docencia. Aos seus 78 anos é o cinto negro máis antigo en activo.

De onde lle vén a súa paixón polo Judo?

A paixón polo Judo venme desde que era novo. Eu vivía no barrio do Couto e alí éramos un grupo de cinco ou seis amigos que facíamos boxeo nun soto. Entón compramos un curso de Judo de CCC de Fernando Franco de Sarabia e íamos ao río preto de Reza a practicar. Non nos matamos de milagre. Xa seriamente empecei en Vitoria e en Bilbao.

E máis tarde volveu a Ourense e converteuse nun dos precursores do Judo na provincia. Como empezou todo?

Si. Aquí o primeiro que empezou foi José Luis González Llama, un cinto marrón que viña de Madrid e que comezou no Pavillón dos Remedios, a finais dos 60. Eu cheguei no 70, xa sendo cinto negro e adestrador rexional, como se chamaba na época. Aí empecei no Pavillón dos Deportes, logo xa chegou o Ximnasio Marbel e ata hoxe.

E logo chegou a Copa Deputación de Judo, que foi impulsada por vostede mesmo.

Si, a Copa Deputación empezou comigo, e co financiamento da Deputación de Ourense, claro. Este ano celebramos o 40 aniversario. Para min, esta é a mellor atividade participativa, todos gañan. Ao final é unha actividade lúdica e deportiva onde os participantes aprenden as normas, as regras, a disciplina e o respecto.  En Judo o contrario é un compañeiro non un inimigo ao que haxa que derrubar. Hai unhas normas que hai que cumprir. A Copa Deputación é un exemplo do que é o Judo.

Moitas veces se di que o judo é moito máis ca un deporte. Por que?

O judo é unha arte de loita con orixe en Xapón, pero é un deporte universal que foi olímpico desde 1964 e, sen dúbida, contribúe ao desenvolvemento tanto físico como psíquico. Ese foi o obxectivo do seu fundador. O Judo baséase no Jiu Jitsu, pero Jigoro Kano adaptouno a finais do XIX creando unha nova disciplina, máis adaptada á época, co obxectivo de contribuír a un mellor desenvolvemento da condición física. Creou unha vertente do Jiu Jitsu orientada máis ao desenvolvemento propio, non só á loita.

Fai pouco recibiu un dos maiores recoñecementos da súa carreira, tras obter o 8º Dan de Judo, o máis alto grado dun ourensán na provincia. Que supón para vostede?

É o colofón a toda unha vida dedicada ao Judo, primeiro como competidor e logo como docente. Aos meus 78 anos son o cinto negro máis antigo en activo en Galicia, e creo que en España hai moi poucos que a miña idade sigan en activo.

54 anos dedicados á docencia dan para moito. Ao longo da súa traxectoria formou aos mellores judocas da comarca, a que figuras destacaría?

No Jiu Jitsu, na vertente deportiva temos a Felipe Iglesias, que foi subcampión do mundo, subcampión de Europa e campión de España en varias ocasión. Temos tamén a Ana Fernández Morais, que foi a primeira galega en ser campiona de España de Jiu Jitsu, e a Tamara Silva que foi premiada pola Federación Galega de Judo como ‘Mellor deportista de Jiu Jitsu’ polos seus méritos a nivel nacional e a súa quinta praza no europeo de Zagreb.

Ten pensado retirarse?

Para min o judo é a miña profesión e é a miña vocación. Mentres teña saúde seguirei en activo.

0.19584202766418