Manuel Outumuro chega ao Marcos Valcárcel cunha escolma do seu traballo fotográfico

OurenseXa
O prestixioso fotógrafo inaugura a mostra 'O anxo que nunca fun' este mércores ás 20.30 horas, co apoio da Deputación e do Festival de Cine de Ourense OUFF
Manuel-Outumuro-Luis-Menor
Manuel Outumuro e Luis Menor
17 sep 2024

O fotógrafo ourensán Manuel Outumuro é o protagonista da exposición “O anxo que nunca fun”, que se inaugura oficialmente este mércores, 18 de setembro, ás 20:30 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, froito dun traballo de colaboración entre o autor, a Deputación e o Festival de Cine de Ourense (OUFF).

Tiveron que pasar trinta anos de intensa produción fotográfica, de numerosos e merecidos recoñecementos á súa mestría no retrato e a fotografía de moda, para que Manuel Outumuro se decidise a explorar unha cuestión esencial que, desde hai anos, se pregunta incesantemente. De que forma a súa Galicia natal e as circunstancias da súa nenez influíron na súa forma de ser e ver o mundo?

Recibir na súa terra de orixe o premio Ourensanía 2022 foi o estímulo que necesitaba para por fin darlle resposta. En O anxo que nunca fun, puido afrontar creativamente as súas interrogantes e compartilas nesta exposición e libro, desenvoltas grazas á Deputación e ao Festival de Cine de Ourense (OUFF).

O proxecto iníciase con Lembranzas, unha poética colección de 13 fotografías acompañadas de relatos persoais, coa que Outumuro nos abre as portas da súa infancia. O autor explora os seus recordos máis temperáns, que permaneceran aletargados a causa da súa incesante actividade profesional, e permite recoñecer neles as súas primeiras experiencias de aprendizaxe, cales foron os seus desexos máis íntimos, quen os seus grandes cómplices e como a natureza, a tradición e a fantasía marcaron os seus primeiros anos de desenvolvemento.

Unha segunda colección de fotografías titulada Escolmas complementa este proxecto

Máis dun centenar de imaxes atopadas no seu arquivo, realizadas no contexto de encargos profesionais, para medios de comunicación ou editoriais e catálogos de moda foron coidadosamente seleccionadas como testemuño da grande influencia visual que Galicia exerceu, consciente ou inconscientemente, na realización e aspecto do seu traballo. O seu inmenso legado fotográfico, revisitado coa perspectiva dos anos, dá boa mostra diso. Só agora, Outumuro toma plena conciencia de que os seus recordos son, en moitas ocasións, a inspiración que arroupa as súas imaxes e ambienta as súas reportaxes.

A exposición estará aberta ao público dende o 18 de setembro de 2024 ao 6 de xaneiro de 2025.

 

 

0.14184904098511