Manuel Pardo pon en valor a labor de ASPANAS a prol das persoas con discapacidade intelectual
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá á sede de ASPANAS (Asociación de Pais a prol das Persoas con Discapacidade intelectual de Ourense), dentro da rolda de contactos que está a manter cos distintos axentes económicos e sociais da provincia.
Nas instalacións do centro mantivo un encontro con membros da súa directiva, entre eles, a súa presidenta, Susana Losada, que informou ao delegado territorial dos proxectos que están a levar a cabo no eido das necesidades das persoas que sofren algún tipo discapacidade.
Manuel Pardo amosoulle o compromiso da Xunta de Galicia con ASPANAS polo seu labor exemplar que desenvolven a diario a prol de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, así como a integración individual e a normalización do súa propia contorna.
O delegado territorial explicou que ASPANAS ofrece servizos de atención a persoas adultas con discapacidade psíquica, centro ocupacional, centro residencial, pisos tutelados, centro especial de emprego, servizos de ocio e tempo libre, club deportivo e servizos de internado permanente.